Axudas, subvencións e bolsas : Axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas para 2021
Axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas para 2021
As entidades beneficiarias recibirán achegas de ata 60.000 euros
A Xunta de Galicia abriu o 11 de marzo o prazo para acceder ás axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas para 2021, cun orzamento total de 150.000 euros, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia. A través desta convocatoria, cuxas bases foron consensuadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co sector, búscase impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional destes espazos, ademais de fomentar a súa estabilidade e consolidación como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas.
A medida vai dirixida ás salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade máxima de 150 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2021 e que tiveran realizado un mínimo de 30 representacións durante 2020. Cada unha das beneficiarias poderá recibir ata 60.000 euros, co límite do 75% do orzamento do proxecto presentado.
Segundo se recolle na convocatoria, considéranse gastos subvencionables os que de xeito indubidable estean vinculados á programación (remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, difusión e publicidade), incluíndo os derivados das representacións en liña que se desenvolvan na propia sala. Tamén se contemplan os gastos relativos á contratación de persoal para o proxecto e o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.
Criterios de avaliación
Unha comisión de avaliación resolverá a concesión atendendo a criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade da sala e a pertenza no ano anterior á Rede Galega de Salas, circuíto impulsado pola Xunta para este tipo de espazos. O proxecto de programación será tamén un factor avaliable, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, así como o plan de comunicación e xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento do proxecto e a viabilidade económica. As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado desde mañá, xunto coa documentación requirida.
Estado de tramite: En trámite