Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria 'Ler conta moito 2021'

Convocatoria 'Ler conta moito 2021'

Axudas a entidades locais para programación de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou o 28 de marzo a convocatoria da liña de axudas a entidades locais coas que a Xunta facilita a programación de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ao amparo do programa 'Ler conta moito'. O goberno autonómico destina nesta edición 195.000 euros.

Ao amparo desta liña os concellos beneficiarios programarán un mínimo de dúas actividades polas que poderán recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos. As bibliotecas públicas poderán realizar as actividades sobre a base do catálogo Ler conta moito 2021, de actividades de animación á lectura, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten dispoñible na web http://rbgalicia.xunta.gal.

A Xunta de Galicia continúa impulsando así Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración coas entidades locais. Trátase dunha programación que ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. O período de programación de actividades será ata o 25 de outubro de 2021.

Máis de 180 concellos o ano pasado
Ademais, o desenvolvemento de actividades de dinamización no ámbito da biblioteca como estas permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto, á vez que alentan a aprendizaxe. Trátase dunha convocatoria que ano a ano permite apoiar a actividade das bibliotecas, como demostra que en 2020 resultaron beneficiarios un total de 180 concellos que programaron actividades en 227 bibliotecas públicas.

As entidades locais que desexen acollerse á subvención regulada nesta orde deberán presentar a solicitude, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Estado de tramite: En trámite

Comparte