Dinamización: AS BIBLIOTECAS SI SON PARA O VERÁN

AS BIBLIOTECAS SI SON PARA O VERÁN

As actividades de Ler conta moito atraen novos lectores na época estival

"Sempre imaxinei que o paraíso sería algún tipo de biblioteca", revelou o xenial Jorge Luis Borges nunha especie de marabilloso desexo, compartido por tantos lectores voraces que atoparon, coma el, un universo de sabedoría, aprendizaxe e, sobre todo, divertimento e gozo.

Ler máis

E este concepto tan borgiano das bibliotecas é o que recolle o programa Ler conta moito, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde as bibliotecas públicas galegas rompen coa imaxe, tan fílmica, de lugares exclusivos de silencio e recollemento, de cadeiras baleiras cando chega o verán.

Pola contra, as bibliotecas, espazos para a lectura recollida, abren un oco para proxectar o viveiro creativo que tamén son. Entre as coleccións de libros ábrese agora sitio para a descuberta, con obradoiros plásticos, literarios e tamén gastronómicos; si, cociñar tamén é posible na biblioteca, se a receita nos leva a abrir o apetito de libros e de palabras. Tamén se canta e se interpreta. E o único que invita a botar un soneca son as actividades de cancións de arrolo, que forman parte do amplo programa de 773 actividades de Ler conta moito, que non baixa o ritmo de iniciativas no verán.

Deste xeito, afástase a imaxe falsa dun verán de bibliotecas sen vida, coa presenza exclusiva daqueles que tratan se amañar en sprint un mal ano académico. Todo o contrario. A biblioteca pódenos sorprender e enganchar coa súa oferta ampla para descubrir a vida animada das páxinas dos seus andeis.

Monicreques, xogos de trabalinguas, contacontos... ata un total de 127 actividades de dinamización da lectura completan a oferta da Rede Pública de Bibliotecas de Galicia entre xullo e setembro. Deste xeito, reinterpretando a Cicerón, este verán só poden desexar ter unha praia preto da biblioteca para sentir que non lles fai falta máis nada.

Actividades de xullo
As actividades de xullo comezan o día 4 na biblioteca nodal da Coruña Miguel González Garcés, coa sesión Libros. Imaxes. Curtametraxes, un obradoiro creativo que lles achega a mozos e mozas as ferramentas para a produción de curtametraxes a partir de textos da biblioteca.

Esa mañá, a biblioteca pública municipal de Carnota (A Coruña) acolle Cotiario, evento no que teñen cabida todo tipo de contos, fábulas, cantares de cego, adiviñas e contos-canción.
A biblioteca pública do municipio pontevedrés de Cambados tamén inaugura as actividades de xullo de Ler conta moito con O murmurio do mar. Trátase dunha sesión de contos e aventuras nas que o mar está sempre presente, ben sexa en historias de sereas, piratas ou cidades perdidas.

Contos de peto completa a primeira xornada de xullo, na biblioteca de Boqueixón, para mostrarnos o feito evidente de que un peto é un sitio ideal para gardar de todo, tamén contos.

47 concellos con bibliotecas animadas no verán
En total, son 47 concellos os que gozarán das actividades deste programa de fomento da lectura durante este trimestre; A Coruña, Oleiros, Carnota, Coirós, Santiso, Arzúa, Irixoa, As Pontes de García Rodríguez, A Veiga, Boqueixón, Betanzos, Santiago de Compostela, Cerceda, Mugardos, Ares, Ordes, A Capela, Carballo, Abegondo e Ortigueira, na Coruña; Valga, Tomiño, Cambados, Covelo, Redondela, Rodeiro, Campo Lameiro, Moaña, Poio, Ponte Caldelas e Catoira, en Pontevedra; Sarria, Bóveda, Sober, Lugo, Xove, O Saviñao, Monforte de Lemos, Carballedo, Ribadeo e Xove, en Lugo; e Riós, Esgos, O Carballiño, Bande, Verín e Celanova, en Ourense.

Deste xeito, dáselle cobertura ampla polo territorio á dinamización da lectura, que non se limita aos máis cativos, senón que haberá talleres para adultos, como o obradoiro impartido polo escritor e xornalista Xosé Carlos Caneiro. Esta cita creativa será o 22 de xullo, na biblioteca pública municipal de Riós (Ourense).

O día 29 en Valga (Pontevedra) rematará xullo co obradoiro Bibliotecas animadas, que dá vida audiovisual a un conto a través da técnica de animación de stop-motion (xerar sensación de movemento foto a foto). Esta xornada, complétase coa sesión de Bebecontos de Choupiña e Trasnón: Contamos cos sentidos, en Bóveda (Lugo), que abre as portas das actividades para agosto e setembro.

Non o perdas
A axenda con todas as actividades de Ler conta moito pode consultarse na páxina web rbgalicia.xunta.es ou na axenda de Cultura. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía.

Comparte