Dinamización: CINEMAS DE GALICIA
CINEMAS DE GALICIA
Grandes historias en pantalla grande
Co verán rematando e o outono achegándose, poucas cousas apetecen máis que deixarse levar pola maxia e as boas historias da gran pantalla. Na rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica Cinemas de Galicia atoparás auténticas xoias. Filmes que, malia a súa contrastada calidade, non son doados de atopar nos circuítos comerciais. Xa está na axenda a programación para os próximos meses, na que a produción galega dialoga sen complexos co cine europeo actual.
Impulsada pola Agadic, Cinemas de Galicia comezou como experiencia piloto a finais de 2014 en catro concellos, e hoxe forman parte do circuíto As Pontes de García Rodríguez, Bueu, Cariño, Celanova, Foz, Ortigueira e O Grove. E, a partir de setembro, tamén Allariz e Cedeira. Nas súas salas proxectaranse películas de animación como Ballerina e Psiconautas, os nenos esquecidos; títulos galegos como Esquece Monelos, María (e os demais), Os días afogados e Sicixia, filmes europeos como Toni Erdmann, Baixo a area e Eu, Daniel Blake... un feixe de fitas coas que soñar, coñecer e gozar. Se che gusta o cinema, ven ver!