Dinamización: OS NOVOS CREADORES GALEGOS

OS NOVOS CREADORES GALEGOS

Artistas emerxentes reúnense no Gaiás para compartiren os seus proxectos

"Espero que sexa un tempo de aprendizaxe dinámica, coñecer o proceder de artistas que me interesen e aprender deles", así resume Gonzalo E. Veloso, un dos participantes no encontro, as súas expectativas para os días compartidos que lle esperan no Gaiás.

Ler máis

O paseo como experiencia estética, documentar zonas rurais de Galicia desde unha perspectiva contemporánea ou investigar diarios de adolescencia femininos son algúns dos proxectos nos que está inmersa a  nova fornada de artistas galegos e que compartirán entre eles, como un xeito de estímulo creativo, no Encontro de Artistas Novos (EAN) que se celebra na Cidade da Cultura.

A catalogación neste encontro de artistas emerxentes ten máis que ver coa xuventude destes creadores que non cun incipiente currículo profesional, máis que consolidado. Así o demostran participantes como Ana Inés Jabares Pita (A Coruña, 1987), unha das tres mozas deseñadoras que este ano foron bolseiras pola Jerwoord Charitable Foundation para traballar no coñecido Gate Theatre de Nothing Hill.

A escenógrafa pretende demostrar no ENA, baseándose na súa experiencia profesional, que o mundo das artes escénicas non está afastado da arte contemporánea e como, "pouco a pouco", todas as disciplinas se fusionan e "fan máis difícil o uso de etiquetas".

Esta difusa liña está detrás tamén da documentación contemporánea das zonas rurais de Galicia que propón Mateo Pérez González. Un traballo multidisciplinar, que combina fotografía, documentación, entrevistas, censos, gravacións etc., ao longo dun proceso aberto á colaboración dos habitantes dos distintos lugares.

Diarios adolescentes e o paseo como experiencia estética
Tamén un documental experimental baseado na recompilación e investigación de diarios de adolescencia feminina, de Xiana Gómez Díaz ou o paseo como unha experiencia estética, de Elia Torrecilla, son exemplo de propostas rompedoras e interesantes que demostran a boa saúde presente da creatividade galega, que visto a mocidade dos protagonistas, garanten tamén a futura.

Precisamente, como novidade deste ano, 20 das 70 prazas dispoñibles están abertas a artistas maiores de 35 anos, o que propiciou a participación doutros como Jorge Couceiro ou Eduardo Valiña (conservador xefe do Museo Granell), que aproveitará esta oportunidade, non só para abordar cuestións sempre presentes na súas creacións (identidade e humor, entre outras), senón tamén para coñecer e compartir con eles o que están a facer os creadores máis novos.

Comparte