Dinamización: A LECTURA, NUN CLIC

A LECTURA, NUN CLIC

GaliciaLe, o novo servizo para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas

Aquelas persoas que ven a lectura coma unha forma de felicidade atoparán en GaliciaLe o mellor xeito de partillar e democratizar esta particular ledicia, xa que este espazo virtual -dispoñible en toda a rede de bibliotecas públicas galegas- permitiralles ler en calquera lugar, momento e dispositivo: tableta, ordenador persoal, lector de libro electrónico, teléfono móbil...

Ler máis

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, GaliciaLe é unha plataforma para o préstamo de libro electrónico para todas as idades e para todos os lectores e lectoras.

GaliciaLe pon a disposición desde xa en calquera biblioteca pública galega contidos de viaxe, ficción, historia, informática, cociña, biografías... e en múltiples formatos: desde audiolibros, libros electrónicos e interactivos ata álbums ilustrados.

Como acceder?
Para ser usuario ou usuaria o procedemento é ben sinxelo: só fai falla dispor do carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia. En caso de non dispor del,  a solución é igual de doada: hai que dirixirse á biblioteca pública máis próxima que forme parte desta rede e solicitalo. Finalmente, chega con ter un dispositivo compatible e unha conta de correo electrónico.

GaliciaLe tamén facilita o xeito de lectura, xa que pode ser en liña, conectándote a internet ou mediante descarga, baixando o libro aos dispositivos que se desexe.

Entrade en Galiciale.es e descubride todas as posibilidades de lectura!

 

Comparte