Dinamización: MES DA CIENCIA. EXPERIMENTAR NA BIBLIOTECA

MES DA CIENCIA. EXPERIMENTAR NA BIBLIOTECA

Estas instalacións transfórmanse en novembro en divertidos laboratorios

Pode converterse a auga en viño ou moverse o aire a canonazos? Son algúns dos desafíos aos que se enfrontan os asistentes aos obradoiros, charlas e actividades que nos propoñen as bibliotecas públicas neste Mes da Ciencia en Galego.

A ciencia vai asociada á investigación, á experimentación, ao coñecemento, á divulgación e ao avance. E a programación do Mes da Ciencia en Galego é unha oportunidade para achegarse á práctica e á divulgación científica dun xeito ameno e divertido nas bibliotecas.

Ler máis

Durante todo o mes de novembro, as  bibliotecas públicas acollen un amplo programa de obradoiros, xogos, espectáculos teatrais e de maxia, exposicións, proxeccións e conferencias coas que nos propoñen ler e vivir a ciencia, en galego. Deste xeito, entre os andeis das bibliotecas, os participantes atoparán telescopios cos que achegarse aos astros ou algunha tixola coa que fritir un ovo sen aceite e sen calor.

Obradoiros todos eles cos que descubrir que moitas veces o que parece maxia é, en realidade, ciencia. Así, as bibliotecas transformaranse estas semanas nunha especie de laboratorios, onde  mergullarse neste fascinante e divertido mundo, formulando hipóteses e chegando a conclusións seguindo un método científico.

Todas estas actividades prácticas, completarase con proxeccións, charlas e mostras divulgativas cun amplo abano temático, desde os efectos no medio ambiente da catástrofe do Prestige ás culturas romanas e castrexas. Precisamente, na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, un dos talleres -Banquete nun castro- basearase na reprodución de pezas de olaría orixinais desta época.

 

Documentos relacionados

Comparte