Dinamización: LETRAS GALEGAS 2012: VALENTÍN PAZ-ANDRADE

LETRAS GALEGAS 2012: VALENTÍN PAZ-ANDRADE

Unha exposición para difundir nas bibliotecas e nos centros educativos a vida e a obra de Paz-Andrade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao longo deste ano a figura de Valentín Paz-Andrade aos centros educativos e ás bibliotecas nodais de Galicia a través dunha exposición para achegar a vida e a obra do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.

Ler máis

A mostra, promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, está conformada por cinco paneis con textos explicativos e audiovisuais sobre e a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade, poeta, ensaísta, home emprendedor e político implicado na consecución da democracia e das liberdades.

Unha mostra con contidos audiovisuais

A descuberta das diferentes facetas de Paz-Andrade pode facerse tanto a través dos textos explicativos como dos vídeos que inclúe cada un dos paneis, unha montaxe de entrevistas a persoas próximas ao escritor e que estudaron a súa obra como Ramón Villares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.

Para o traballo nas aulas, a consellería facilita tamén unha unidade didáctica que inclúe actividades e suxestións interesantes para que os alumnos e alumnas se acheguen á obra e á vida de Paz-Andrade.

Para este primeiro semestre a exposición fará o seu percorrido por diferentes centros educativos de Galicia: o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, o CPI Doutor Daniel Monje de Navia de Suarna, o IES Gregorio Fernández de Sarria, o CPI da Picota de Mazaricos, o IES O Mosteirón de Sada, o IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives e o IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia. No segundo semestre do ano, a exposición sobre Valentín Paz-Andrade estará nas bibliotecas nodais de Galicia.

Máis actividades todo o ano

Co fin de contribuír á proxección e á celebración cidadá dunha data tan sinalada no calendario da Autonomía, que mesmo a converteu en día festivo oficial, a Xunta de Galicia vén apoiando unha actividade institucional importante para a maior difusión do autor/a homenaxeado e para poñer en valor a lingua e a literatura galegas.

Unha das novas ferramentas presentadas este ano para a difusión social de Paz-Andrade é o web oficial www.valentinpazandrade.es desenvolvido por Industrias Pesqueras. Foi presentado o pasado mes de febreiro polo secretario xeral de Política Lingüística e o secretario xeral de Cultura, conxuntamente coa RAG, co Consello da Cultura Galega, e co fillo do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade.

Para espertar o interese social pola súa obra, ao longo do mes de maio, coa colaboración da TVG, a Secretaría Xeral de Cultura promove a emisión de pequenas pezas audiovisuais construídas sobre versos escollidos do autor homenaxeado. Accede a todos os poemas audiovisuais.

Nesa vontade de facilitar o coñecemento e o interese da cidadanía por este autor, o día 17, ademais dos actos institucionais, a poesía de Paz-Andrade estará nas rúas de Vigo, nunha proposta de música e versos no proxecto de Xardín Desordenado.

O 17 de maio a Compañía Femme Fatale, dentro da programación do Salón Teatro, despregará a súa Ronda poética, que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela a partir das 12.00 horas. O "batallón literario" partirá do Salón Teatro cara ás rúas do Franco, Fonseca, Praterías e Rúa Nova a golpe de versos, facendo improvisacións, agasallando poemas, recitando, escribindo versos no chan, bailando e interactuando cos viandantes.

Nesas mesmas datas haberá nos centros educativos unha intensa actividade arredor da súa figura. Dentro do ámbito escolar, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística convócase cada ano un concurso para a elaboración de dúas exposicións, unha de primaria e outra de secundaria, de carteis artístico-explicativos e as súas correspondentes unidades didácticas sobre a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade. A colección de carteis gañadora de cada unha das etapas é editada e distribuída en todos os centros escolares de Galicia.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha serie de actos conmemorativos, que inclúen unha viaxe de interese cultural, o 17 de maio, polos escenarios nos que se desenvolveu boa parte da vida de Valentín Paz-Andrade. Entre as paradas do percorrido destacan os terreos de Montero Ríos en Lourizán, a subida ao Castro do Monte do Facho, en Donón, unha visita a Baiona e o monumento da Virxe da Roca (Monte Sansón).

Doutra banda, o salón de actos e sala de exposicións da EGAP acolle o 22 de maio un relatorio a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares Paz. Actuará a soprano Laura Alonso Padín, acompañada ao piano por Juan M. Varela, que interpretarán varias obras de música galega.

Este ano sairán á luz co apoio da Xunta de Galicia diversas edicións conmemorativas. No mes de abril presentáronse xa a Biografía e antoloxía para nenos e mozos de Valentín Paz-Andrade, de autoría de Charo Portela, e tamén, coincidindo co Día Internacional do Libro, a edición facsimilar de Galicia como tarea, tamén de Edicións Xerais de Galicia. Os títulos editados ao longo deste ano van permitir afondar en aspectos diversos da vida e da obra do autor, así como na súa relación con outros persoeiros da cultura galega.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacará á luz Edición do epistolario inédito de Valentín Paz-Andrade, en Cadernos Ramón Piñeiro, en selección de Neira Vilas.

Están previstas tamén diversas actuacións para a súa difusión exterior. Ademais dos recitais e charlas nos lectorados de lingua e cultura galegas de universidades de todo o mundo en Cuba celebrarase un ciclo de conferencias sobre Valentín Paz-Andrade. Nas feiras do Libro de Bos Aires e Guadalajara haberá un espazo para a difusión da súa obra. No Centro Galego de Barcelona, celebrarase en maio un acto de homenaxe.

Sen saír de Barcelona, o historiador Miguel Anxo Seixas, coa colaboración de Adolfo Sotelo, decano da Facultade de Filoloxía, imparte o 10 de maio a conferencia "Valentín Paz Andrade. Galicia labra a súa imaxe". O acto, na Facultat de Filologia Universitat de Barcelona, acompáñase dunha exposición bibliográfica nas Vitrinas da Biblioteca General e na Galería do Pati de Lletres do 4 ao 20 de maio.

Xa no peche do ano, o acto académico principal será o Congreso Valentín Paz-Andrade, organizado pola Real Academia Galega e as universidades, coa colaboración da Xunta de Galicia.

Comparte