Dinamización: O DESAMOR FEITO XARDÍN

O DESAMOR FEITO XARDÍN
O CDG estrea Xardín suspenso, dirixida por Cándido Pazó
Ata onde pode levar a fidelidade a un amor que non é correspondido? Esta alerta sobre a ausencia de límites é a que se respira en Xardín suspenso, a nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), dirixida por Cándido Pazó e que se estrea o 13 de marzo no Salón Teatro de Santiago.
Lucía, protagonista principal desta obra escrita polo dramaturgo luso Abel Neves, concibe un xardín zen na antiga casa de seus pais, pensado para Mateo, o seu amor da infancia. Pero cando se vai inaugurar, el anuncia o seu casamento con outra muller. A partir dese momento, odio, amor, rabia, frustración, impotencia, medo, dúbida... xermola e asfixia ese xardín que queda en suspenso.
Para ir saciando a nosa curiosidade como público do devir desta historia, contamos estes días, antes da estrea, co blog http://blogs.xunta.es/xardinsuspenso/, no que se comparte o proceso creativo da montaxe. Nesta bitácora, Cándido Pazó invítanos a entrar neste xardín que –xa nolo adianta–, cando se levante o pano, conseguirá "desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos ou estremecernos".