Patrimonio: O LECER E A FESTA TAMÉN FAN CAMIÑO

O LECER E A FESTA TAMÉN FAN CAMIÑO

Maxia, música, novo circo, teatro e danza nas rutas xacobeas

As merecidas paradas de descanso dos camiñantes nas vilas polas que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago supuxeron, desde sempre, un tempo cos veciños e veciñas do lugar no que coñecer os seus costumes, tradicións, festas..., o que deu pé a un rico intercambio cultural, a través do lecer e da festa. E este é o espírito de Cultura no Camiño.

Ler máis

Os meses de verán van supoñer o ecuador das 323 actividades desta iniciativa, coordinada por Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, e que ata setembro están a encher de maxia, música, novo circo, teatro e danza 81 concellos das rutas xacobeas. 

Deste xeito, á súa chegada a Galicia, camiñantes e peregrinos que percorren as vías do Camiño atópanse coa creatividade artística dun total de 134 compañías e artistas galegos, cos que descobren que o fado pode ter acento galego, como o de María do Ceo; que os obradoiros gastronómicos con pan son de fariña de millo e non de trigo; ou que nos contos a tan literaria sopa é substituída polo caldo.
Pola súa banda, os veciños das poboacións por onde transcorre o Camiño ven dinamizada a vida cultural do seu concello con estes espectáculos.

Deste modo, estas iniciativas rematan por convertérense nun punto de encontro de ambos os dous tipos de espectadores (o anfitrión e o visitante) e a interculturalidade, tan distintiva do Camiño, está servida e fortalecida, a través dunha das pontes máis universais: a festa. 

 

Comparte