Patrimonio: CÓDICES. XOIAS DAS CATEDRAIS GALEGAS NA IDADE MEDIA

CÓDICES. XOIAS DAS CATEDRAIS GALEGAS NA IDADE MEDIA

Exposición irrepetible con doce xoias da produción documental da Igrexa na Idade Media

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia reúne doce códices orixinais de entre os séculos IX e XV, auténticos tesouros do patrimonio documental e bibliográfico galego que por primeira vez serán exhibidos xuntos ao público. A exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media poderá visitarse de balde do 27 de setembro ao 6 de xaneiro.

Ler máis

Códices propón unha viaxe pola Idade Media que levará o visitante polas principais mostras de códices e libros medievais entre os séculos X e XV, con exemplares únicos en Europa, como o Códice Calixtino e os diversos tombos, o primeiro libro impreso en Galicia, caso do Misal Auriense, ou magníficas copias miniadas, como a Legenda Maior ou o Pasionario Tudense.

Trátase, polo tanto, dunha mostra única polo valor incalculable das pezas que reúne, nunca ata agora expostas xuntas, pero igualmente polo tempo da historia de Galicia ao que nos transporta. Unha época na que as catedrais actuaban como os grandes focos de produción do coñecemento, atesourando e gardando saberes que chegaron ata os nosos días.

A maxia que desprenden estes tesouros librarios evocan a intensa vida intelectual que se desenvolvía nas bibliotecas e os scriptoria das catedrais e mosteiros galegos durante a Idade Media, da vida dos monxes consagrados á conservación do coñecemento, producindo códices que serviron para preservar a nosa cultura ata os nosos días.

Tesouros das catedrais galegas

A exposición ofrece unha oportunidade única para se achegar a doce dos grandes tesouros librarios da Galicia medieval, doce pezas que de maneira excepcional chegan á Cidade da Cultura procedentes dos arquivos da catedrais galegas, onde foron conservados durante séculos.

Das doce pezas da mostra, dúas foron cedidas pola Catedral de Lugo, o Libro X de Pergameos Reais e o Libro XI de Bulas Papais; unha pola Catedral de Mondoñedo, o Tombo Pechado e outra polo Seminario de Mondoñedo, a Legenda Maior; o Misal Auriense e o Breviario Auriense da Catedral de Ourense; catro da Catedral de Santiago: Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, Tombo A e Historia Compostelá; e dúas da Catedral de Tui, Pontifical e Pasionario Tudense.

Comisariada por Xosé Manuel Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, o comité científico da mostra está integrado polos arquiveiros das cinco catedrais galegas, polo deán da Catedral de Santiago de Compostela, e polo reitor do Seminario de Mondoñedo.

Horario

De martes a domingo: 11:00 a 20:00 horas.
Luns pechado

Comparte