Equipamento: Museo do Mar de Galicia

Museo do Mar de Galicia

O Museo do Mar de Galicia está emprazado na vella fábrica de conservas Alcabre-Molino de Viento (1887) en Vigo. A renovación da obra arquitectónica é encargada nun primeiro momento a equipa de Aldo Rossi e César Portela; unha vez finado Rossi, as obras rematan no ano 2002, baixo a dirección e a revisión do proxecto orixinal a cargo de César Portela. O edificio resultante mestura vangarda e tradición, formado por un conxunto de cinco naves rehabilitadas, un edificio de nova construción tamén de cinco naves, e a prolongación dun peirao preexistente onde se empraza un acuario e un faro. 

Ler máis

Pesca, acuario e moito máis
O eixo temático que vertebra o museo é a pesca, tratando de achegar unha visión global da mesma, afondando nos fundamentos científicos que rexen a produtividade dos mares e na comprensión dos ecosistemas mariños. A exposición permanente, dividida en dúas áreas temáticas, o mar e a pesca, emprega infografías, textos, videos e pezas para artellar a estreita relación de Galicia coa explotación dos recursos. As instalacións complétanse cunha ampla sala de exposicións temporais, un acuario que reproduce o ecosistema das rías e a musealización  dun  poboado da idade do ferro existente no lugar: O Castro da Punta do Muiño do Vento.

Patrimonio subacuático
A Xunta de Galicia impulsou desde 2006 a investigación do patrimonio subacuático, determinando que o lugar de depósito dos materiais desta procedencia sexa o Museo do Mar de Galicia. Na actualidade o museo aborda a creación dunha gran sala onde se narre a historia marítima de Galicia, dende a óptica comercial, na que se integrarán os restos extraídos de distintos pecios da costa galega.

Datos de contacto

Dirección: Avda. Atlántica, 160 36208 Vigo

Teléfono: 986247750

Fax: 986247748

e-mail: museodomar@xunta.es

Inverno (16 de setembro a 14 de xuño):
Martes a domingo de 10 a 14 h. e de 17 a 19 h.
Verán (15 de xuño a 15 de setembro):
Martes a domingo de 11 a 14 h. e de 17 a 20 h.
Luns pechado

Comparte