Equipamento: Salón Teatro

Salón Teatro

Situado no casco histórico de Santiago de Compostela, o novo Salón Teatro foi inaugurado en 1999. Culminaba así unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena galega este espazo de 1920 despois de dúas décadas sen representacións.

Ler máis

A primeira reconstrución do inmoble foi promovida en 1919 pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago. O proxecto seríalle encargado a Jesús López Rego, un dos principais arquitectos modernistas de Santiago. Cun aforamento de máis de 500 localidades, forma de anfiteatro, un escenario reducido e unha sala dividida en dous andares -o patio de butacas e un primeiro andar de palcos e xeral-, o recinto foi inaugurado o 30 de outubro de 1920.

Na súa orixe, ideouse como sala de eventos e espectáculos para os socios desta Liga. Uns anos despois, o edificio foi vendido a Acción Católica, e xa na década dos trinta pasou a mans da Empresa Fraga, que o destinou principalmente á exhibición cinematográfica. En 1949 a Comisaría de Padroado Artístico reformou a fachada para darlle un aspecto máis digno e nobre. O arquitecto Pons Sorolla encargouse de retocar a súa imaxe externa, practicamente inalterada ata 1996, ano no que o inmoble foi adquirido pola Xunta de Galicia.

O estudo de arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuíña deseñou a última remodelación do Salón Teatro, desenvolvida entre 1998 e 1999. Así, mentres que no exterior a reforma limitouse ás carpinterías das fiestras, á cor e a un novo deseño nas portas, ao despacho de billetes e a carteleira, no interior a transformación foi completa.

O soto emprégase agora como espazo de servizos xerais e comúns do teatro, ademais de como acceso e vía de evacuación da escena. Na primeira cruxía, trala fachada que se abre á Rúa Nova, establecéronse os accesos, os vestíbulos e os espazos de relación. No espazo central disponse a pratea e a tribuna do público, que reducen o seu aforo a 272 espectadores para dar paso a un escenario máis amplo e ben dotado de servizos escénicos. O control de luz e de son efectúase dende unha ampla galería que, ademais, se relaciona cunha viga técnica que atravesa o sector público. Baixo cuberta, no último andar, sitúanse as oficinas do Centro Dramático Galego.

A pedra e a madeira son os dous materiais dominantes na resolución interior. A pedra como transición dende a rúa, pavimentada con granito, segue no interior, onde vai acollendo a madeira por adecuación acústica e por confortabilidade.

Xestionado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic, o teatro abriu de novo as súas portas o 29 de outubro de 1999 co gallo da estrea do espectáculo Si o vello Simbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, a cargo do Centro Dramático Galego. Dende entón, como sede do CDG, o Salón Teatro acolle a exhibición en Santiago de todas as producións da compañía pública, ademais dun programa aberto ás distintas disciplinas escénicas.

Ficha técnica

Titularidade e xestión

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic.

Servizos

  • Gardarroupa
  • Billeteira informatizada
  • Sala de reunións
  • Oficinas

Acceso

Prezo variable. Estabécense descontos para nenos, estudantes e pensionistas.

Aforo

199 localidades en platea e 73 en tribuna.

Superficie en metros cadrados

570,72 -edificio-

Medidas do escenario

  • Boca: 8,37 metros
  • Ancho: 12 a 13,50 metros
  • Fondo: 9,30 a 8,50 metros
  • Alto telar: 11,70 metros

Watios

  • Principal: 148,75 kw
  • Emerxencia: 17 kw

Equipamento de iluminación

  • Mesa de control: ETC Express 48/96 de 192 canais, 2 saídas DMX 512
  • Dimmers: 108 canais de regulación de 2.5kw 230v
  • Focos
    • 10 Fresnel. Marca Strand. 1000w. Cantata F. Con viseiras e portafiltros
    • 30 PCs. Marca Selecom. 1000w. Halóxena. Con viseiras e portafiltros
    • 16 PAR 64. Marca Teatro. 1000w. Lámpada Nº5 ou Nº1
    • 8 recortes. Marca ETC source four –19º. 750W
    • 8 recortes. Marca ETC source four –26º. 750W
    • 8 recortes. Marca ETC source four –36º. 750W
    • 8 recortes. Marca ETC source four –25/50. 750w
    • 8 Iris e 10 portagobos

Equipamento de son

  • Mesa: Yamaha ga 24/12. 24 canais, 12 buses, entradas balanceadas con XLR, alimenPhanton, equ. 4 bandas, 4 retornos auxiliares estero
  • Reprodutores
    • Denon dobre CD profesional
    • 1 Minidisk. Sony. Semi
  • Amplificación: 4 Renkkus r-h mod PA80 350w por canle a 4 Ohms
  • Acústica:
    • 4 Renkus-Heinz STKF. StK de 200 w/RMS, 80hms, 2x woofers 8", 1 x trompeta de 1"
    • 2 Renkus-heinz Q15. Graves con 2 woofers de 15" e bobina de 3", corte crosso. Er 120Hz. 8 Ohms
  • Procesador de sinal: Renkus-heinz Mod SP-22 tipo full-range engastable en etapas PA
  • Monitores:
    • 4 FBT LM-30A. Autoamplificado de 150w/RMS, SPL max 123dB, 1 x wofer de 10", 1 x tweeter de 1" con difusor
    • 2 FBT Jolly 3A. Autoamplificado 60W/RMS, SPL max. 114dB. En cabina
  • Ecualización:
    • 2 stager line meq-231/I. Ecualizador analóxico con xerador ruído rosa
    • 2 musicson q15. Ecualizador gráfico de 2 x 15 bandas de 3/3 oitava
  • Microfonía:
    • 6 Akg D-770 Dinámico para instrumentos
    • 6 Akg D-880 Dinámico para vocal
  • Intercomunicación: 1 espiral mod. EF-100. Estación principal con fonte de alimentación interna. 2 Canais independentes, control de volume e avisadores
  • Megafonía público:
    • 1 Ampli. FBT Mod PRO 300 con 300w
    • 3 altofalantes megafonía. Optimus Mod. A228 AT3 9w máx. 70/10.000Hz
  • Megafonía camerinos: Igual que a megafonía do público

Outros espazos e servizos

  • Dous cameríns colectivos no andar -1 con doce postos con aseos con duchas. Dotación completa
  • Dous cameríns colectivos no andar 0 con dous postos con aseos con duchas. Dotación completa
  • Un camerín colectivo no andar 1 con dous postos con aseos con duchas. Dotación completa
  • Cámara negra
  • Tremoia
  • Almacéns

Datos de contacto

Dirección: Rúa Nova, 34. 15.705 Santiago de Compostela

Teléfono: 981 581 572

Teléfono: Despacho billetes: 981 584 978

Fax: 981 581 987

e-mail: centro.dramatico.galego@xunta.es

Web: Agadic

Director/a do Centro Dramático Galego

Fax: 981 584 902

Horario de venda de entradas, días de peche e período de vacacións variables.

Comparte