Evento: Ultranoite 112
Ultranoite 112
Ultranoite acompaña á compañía Chévere case desde o seu nacemento e vai xa pola súa edición número 112. Despois do éxito de convocatoria da Ultranoite celebrada o ano pasado no Liceo de Noia, volvemos recuncar neste marabilloso salón de baile, que nos ofrece un magnífico espazo para gozar do espectáculo da Ultranoite como debe ser: con mesas, servizo de bar e na mellor compañía que cada quen queira, para despedir o verán e entrar no outono con enerxías e risas renovadas.
Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolto na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha ironía visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis aló do teatro e moito máis perto da realidade.
Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é un fenómeno único na historia recente da produción cultural galega.
Máis eventos de tipo Espectáculo