Evento: Peza do mes: Cunca tipo Alpiarça. Castro de Castromao
Peza do mes: Cunca tipo Alpiarça. Castro de Castromao
A presentación pública terá lugar o 12 de xuño ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Son moitas as pezas que foron recuperadas no xacemento arqueolóxico de Castromao, ao longo de décadas de traballo, convertendo a capital dos Coelerni nun referente para o estudo da cultura castrexa do NO peninsular. O obxecto protagonista deste mes é unha cunca carenada, ademais moi singular, pois ata agora, a súa presenza en Galicia só se documenta na actual provincia de Ourense. Datada entre o Bronce Final e a Primeira Idade de Ferro, coñécese co nome de cerámica de Alpiarça debido á similitude desta con cerámicas atopadas en estacións arqueolóxicas do centro e sur de Portugal, recipientes caracterizados polas formas carenadas, superficies brunidas e a ausencia de decoración. As súas dimensións son 6,7 x13 x 0,6 cm., e forma parte dos fondos do Museo co nº de inventario CE005208/117.
Cabe destacar tamén que grazas á recuperación de varios fragmentos, foi posible unha reconstrución parcial coa gran labor do equipo de restauración do Museo Arqueolóxico de Ourense.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas e unha descrición pormenorizada, a reflexión sobre a súa nomenclatura ou o contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Marta Martínez Parada.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso