Evento: Convidadas: dúas miradas de Zuloaga
Convidadas: dúas miradas de Zuloaga
O Museo de Belas Artes da Coruña organiza a mostra "Convidadas: dúas miradas de Zuloaga", en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Con ela ábrese un novo ciclo de exposicións de pequeno formato co que coñecer obras procedentes doutros museos e coleccións españolas.
Esta mostra ten como obxectivo presentar ao público dúas obras que pertencen á colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. As pezas Retrato da señora Malinowska, a Rusa (París, 1912) e Antonia a galega (París, 1912), de Ignacio Zuloaga (1870-1945), son exemplos do seu amplo labor como retratista, no que conflúen tendencias das vangardas parisienses con evocacións da retratística de Velázquez ou Goya.
Trátase de dous retratos femininos que nos ofrecen dúas visións diferentes na maneira de concibir a imaxe feminina por parte de Zuloaga. Así mesmo, a elección destas obras responden a súa vinculación dalgunha forma con Galicia, xa sexa por cuestión vitais, como é o caso de Malinowska, como polos motivos representativos ou simbólicos, implícitos no apelativo da bailaora.
Contido da exposición
As dúas obras seleccionadas estarán expostas na sala 5 da exposición permanente do Museo de Belas Artes, que acolle a pintura galega do século XIX e primeira década do século XX.
Estes dous retratos femininos permiten reforzar aspectos representados nesta sala:
Por un lado, amplían o coñecemento de mulleres pintoras: Victoria Malinowska foi unha pintora rusa, residente en París, que participou en España en varias exposicións, sendo dúas delas realizadas en Vigo, nos anos 1920 e 1921.
Tamén amosa as diferentes visións conceptuais e estilísticas que se tiñan da imaxe da muller nos inicios do século XX. A da xitana, Antonia, a galega como personaxe étnico que o romanticismo e os estranxeiros codificaran en clave de libertade, marxinal e éxotica propio das tendencias simbolistas da época, ou a imaxe da muller intelectual, libre e autónoma de Victoria Malinowska, coa que Zuloaga se distancia do concepto de pintura identitaria propia do seu estilo máis recoñecido e a representa sen artificios.
Por último, o ámbito xeracional de Zuloaga permite relacionalo con pintores galegos cuxas interpretacións e caracterizacións do feminino acompañan a exhibición das dúas obras convidadas. Entre eles, Juan Luis López e Xesús Corredoyra, que mantiveron contactos con Zuloaga na súas etapas de formación en Madrid, e será especialmente Corredoyra quen presente na súa obra retratística unha cercana vinculación coa estética de Zuloaga, como sucede no caso do magnífico retrato de “Dona Matilde Rodríguez Pastor” (1916).
Organiza: Museo de Belas Artes da Coruña e Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía
Patrocinado: Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Máis eventos de tipo Exposición