Evento: MEMORIA DEMOCRÁTICA, FEMINISTA, LABORAL. Xornadas

MEMORIA DEMOCRÁTICA, FEMINISTA, LABORAL. Xornadas
mércores, 12 marzo, 2025 a xoves, 10 abril, 2025
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

MEMORIA DEMOCRÁTICA, FEMINISTA, LABORAL. Xornadas

Mediante encontros semanais ao longo dos meses de marzo e abril, pretendemos reflexionar sobre os eixes temáticos da mostra desde unha perspectiva feminista.

O programa comeza coa noción da posmemoria e a súa capacidade para, desde a produción cultural, imbricar as historias traumáticas familiares coa historia de todo un país. Pensamos que é este un concepto útil para o noso contexto, onde as memorias arredor do golpe militar de 1936 adoitan permanecer vívidas a través das xeracións, en tanto que a memoria oficial teima en soterralas, como se o noso presente non estivese atravesado por un doloroso pasado.

Como rescatar a memoria dos lugares de violencia? Como se transmiten as memorias traumáticas dunha xeración a outra? Cal é o papel que xogan as imaxes na súa transmisión? Que podemos extraer dos obxectos que permaneceron, tan poderosos coma fráxiles? Que facer con estes restos, como seguir o seu rastro, como comunicar estes achados?

A memoria do traballo feminino é outro fío para seguir que se enreda co anterior. A división sexual do traballo amosouse nitidamente no franquismo coa reclusión das mulleres no fogar, fora a través de lexislacións laborais fora consecuencia dun persistente adoutrinamento sexista. En que forma permanece a división entre os traballos de produción e os traballos de reprodución na economía do presente? Como se desenvolve no eido rural? Os feminizados traballos de coidar doutras persoas e de manter o fogar gardan unha equivalencia cos labores de coidar das memorias e de preservar o legado familiar?

Na procura de que o fío da memoria non se rompa, está o empeño das mulleres que enuncian relatos e atesouran obxectos no contorno familiar; de integrantes da sociedade civil que se asocian contra o esquecemento; de organizacións políticas que loitan por unha memoria democrática e feminista; de investigadoras e investigadores nos ámbitos da historia, da economía, do xornalismo, da arqueoloxía, da antropoloxía, das artes… que, coas súas ferramentas, tecen memoria.

Estas voces que median coas memorias persoais, colectivas, culturais, laborais e políticas son as que queremos convocar neste foro de discusión, que ten a vocación de acoller a todo tipo de público.

PROGRAMA

BLOQUE I. TRANSMISIÓN DA MEMORIA DEMOCRÁTICA

12 MARZO. POSMEMORIA E CULTURA VISUAL

18:30 h
Verónica Estay Stange. O concepto de posmemoria e a súa presenza na cultura visual

20:00 h
Proxección da película 12 de maio de 1937 (Mar Caldas, 2023) e posterior coloquio

19 MARZO. TRANSMISIÓN PÚBLICA DA MEMORIA

18:30 h
Maribel Rams. Creación fílmica posmemorial
David Barreiro. Os “obxectos memoria” na arqueoloxía do presente
X. Enrique Acuña. Os obxectos da memoria no dispositivo expositivo

26 MARZO. TRANSMISIÓN DA MEMORIA NO ÁMBITO FAMILIAR

18:30 h
Jorge Moreno Andrés. As fotografías familiares das vítimas do franquismo
María Rosón. O álbum familiar como relato

20:00 h
Proxección da película 12 de maio de 1937 (Mar Caldas, 2023) e posterior coloquio

2 ABRIL. ACTUACIÓNS DE TRANSMISIÓN EN GALICIA: LUGARES, NOMES E TESTEMUÑOS

18:30 h
Telmo Comesaña. Sinalización dos lugares da memoria
Montse Fajardo Pérez. Recuperación da memoria de mulleres
Aldara Cidrás. Os arquivos da memoria democrática

 

BLOQUE II. A MEMORIA DO TRABALLO FEMININO

9 ABRIL. A DIVISIÓN SEXUAL DO TRABALLO NO FRANQUISMO

18:30 h
Mary Nash. División sexual e limitacións laborais
Victoria Martins. Adoutrinamento do rol feminino: Sección Feminina e NO-DO

10 ABRIL. MUNDO RURAL E POLÍTICAS ECONÓMICAS NO PRESENTE

18:30 h
Lidia Senra. Situación laboral das mulleres do rural galego
Carmen Castro. Perspectiva de xénero na economía do presente

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Actividades de inverno
10 de decembro a 28 de febreiro
Museo Provincial de Pontevedra
Peza do mes: Equipamento pesqueiro fluvial antigo
8 de xaneiro a 31 de xaneiro
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
As listas de espera. Asistencia demorada, asistencia denegada
29 de xaneiro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal