Evento: Pola Candeloria, medio inverno vai fóra
Pola Candeloria, medio inverno vai fóra
O día 2 de febreiro celébrase o día da Candeloria, que marca a metade xusta entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera. É un día importante no almanaque pois, de acordo cos costumes agrícolas, e dependendo do tempo que faga, podería comezar o tempo da semente: se a Candelaria chora, o inverno vai fóra. Se a Candelaria ri, o inverno está por vir. É dicir, a chuvia o 2 de febreiro simboliza que o peor do inverno xa pasou mentres que se vai sol, o inverno vaise alongar e a primavera tardará en chegar.
Ademais do inicio da labranza, nestas datas comezan a despertarse os animais que hibernan e cando volven as aves migratorias e comezan os seus cortexos, como ben din outros refráns galegos: Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola e A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa.
Así, esta mostra bibliográfica fai unha homenaxe ao despertar da natureza, que se prepara para a primavera, e aos protagonistas deste día: as aves que retornan, os animais que se erguen e, sobre todo, a terra e o seu cultivo.
Do 3 ao 28 de febreiro na sala infantil. Pode visitarse no horario de apertura da biblioteca.