Evento: Vampir-Cuadecuc
Vampir-Cuadecuc
Vampir-Cuadecuc é posiblemente o filme chave para entendermos a transición que se produce no campo cinematográfico español desde o período dos «nuevos cines» (permitidos pola administración franquista) cara a prácticas clandestinas, ilegais ou de aberta oposición ao réxime franquista. Consiste nunha filmación a partir da rodaxe do filme comercial El Conde Drácula, de Jesus Franco. Portabella exerce dous tipos de violencia sobre a narrativa estándar: elimina totalmente a cor e substitúe a banda sonora por unha paisaxe de colisións imaxe-son en colaboración con Carles Santos. Filmado provocadoramente en 16 mm e con negativo de son, as tensións entre o branco e o negro favorecen o estraño «materialismo fantasmático» desta análise desveladora dos mecanismos de construción do ilusionismo do cinema narrativo dominante, que ao tempo constitúe unha intervención radical na institución cinematográfica española.