Evento: Os nomes íntimos
Os nomes íntimos
Celebramos o Día da Poesía co recital poético-musical Os nomes íntimos de Lucía Aldao e Samuel Merino. Os nomes íntimos son os nomes que nos salvaron, nos que celebramos atoparnos cando non atopabamos representación de quen eramos nos contidos que consumiamos (non había internet).
A través do recitado de textos de autoría propia e/ou allea poñemos o foco nas persoas (autores e autoras, pero tamén esas referentes do cotiá que nos inspiraron) coa finalidade de facer fincapé na importancia de dicirnos con outros nomes e facelos parte da construción da identidade propia; e foron tamén os nomes que nos puxeron e que puxemos con maior ou menor intención de facer dano, eses bautismos de alcumes sen permiso e contra a vontade que salientaban algo de nós (ou doutras persoas) que non nos definía, que nos daba vergoña ou simplemente rabia.
Os nomes íntimos son tamén eses nomes postos desde o cariño e o familiar, nomes que xorden da tenrura: como nos chamaban as nosas nais, avoas, amizades de toda a vida, as crianzas que naceron despois nosa e que (nos) pronunciaban mal. Os nomes íntimos dos nosos amores -xustificados por algunha referencia ou vivencia común: o cine, os debuxos da hora da merenda, persoas ás que lles recordabamos…
Lucía Aldao é unha poeta e música da Coruña que leva máis de media vida recitando e cantando nos escenarios máis variados. Poesía escénica para todos os públicos, música, humor e animación cultural son as súas principais ocupacións profesionais. É autora dos libros Todo isto antes era noite (Apiario, 2018) e Ninguén morreu de ler poesía (Xerais, 2020), asinado por aldaolado, entre outras numerosas publicacións colectivas. É tamén a creadora e coordinadora do certame de narrativa temático do Concello de Curtis. Lidera a banda PAVA, coa que obtivo en 2024 o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de pop/ indie.
Samuel Merino é un creador multidisciplinar de Mos (Pontevedra) que desenvolve o seu labor arredor dunha poética que leveda na súa formación filosófica (Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela) e mais na súa formación e experiencia no eido das artes escénicas. A súa obra adoita tomar corpo na oralidade secundaria dos recitais e en breves presentacións que transitan os camiños do teatro e da performance. Entre a obra publicada destacan: Guantanamera. Poema nun só acto (Editora Urutau. 2021) Con esta hoz / Con esta fouce (Disbauxa Editorial. 2023) Claustro Corda Comensal (Editorial Galaxia. 2023) e Manual de Camuflaxe (2025) obra coa que vén de gañar o XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.
No salón de actos. Para público de 14 a 99 anos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
Máis eventos do ciclo Día da poesía


