Evento: Os Maragatos da Porta de San Pedro ( Lugo)
Os Maragatos da Porta de San Pedro ( Lugo)
Cara a 1880, a primeira xeración dos MARAGATOS da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por TOMÁS PÉREZ CARRO e VICENTA GARCÍA CARRO, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses.
O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento da cabeza de familia da segunda xeración, TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA (Lugo, 1895).
Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo, e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA, a máis nova dos membros da terceira xeración dOs MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO.