Evento: Jaguar
Jaguar
Jaguar é o nome que se lle dá a algúns cabalos, unha peza de baile e un espectáculo de marionetas. En Jaguar somos marionetas e neste teatro manipulado, confiámonos aos outros e ás súas mans: Mandinga d’ Soncent, Wolfli, Blaue Reiter, entre outros, que a pesar de ser radicalmente diferentes, non son máis ca unha extensión de nós mesmos. Jaguar é un fragmento, unha escena de caza, ou en realidade, unha escena de caza atormentada. (Marlene Monteiro Freitas).
Jaguar é a última creación de Marlene Monteiro Freitas, creadora nada en Cabo Verde, cuxas obras teñen un triplo denominador común: a abertura, a impureza e a intensidade. Co-fundadora do grupo de danza Compass (Cabo Verde) e da estrutura de produción P.OR.K (Lisboa), Marlene Monteiro Freitas destacou por traballos como De marfim e carne – as estátuas também sofrem (2014), Paraíso-colecção privada (2012-13), ou (M)imosa (2011) con Trajal Harrell, François Chaignaud e Cecilia Bengolea. Neste traballo, feito en colaboración con Andreas Merk, a calidade do seu movemento supón un ar fresco no panorama da danza europea, indo un paso máis alá en cada traballo, asumindo riscos e seducindo públicos de todo o mundo. Unha danza que anticipa o mundo que vén: caótico, hipnótico e veloz. Un mundo que nos obriga a tomar postura e a saber como e con quen queremos movernos.
Co-presentación Alkantara co apoio de DNA – Programa Europa Creativa.
Estrea en Outubro 2015, Helsinqui (Zodiak).
Estrea en España no festival Escenas do Cambio’16, Santiago de Compostela.