Evento: Os morcegos de Santa María de Pesqueiras
Os morcegos de Santa María de Pesqueiras
A igrexa de Santa María de Pesqueiras constitúe un exemplo de conservación compartida entre o patrimonio cultural e o patrimonio natural. No curso da restauración da pintura mural do presbiterio, constatouse que a igrexa se convertera no fogar de centos de morcegos que aniñan no teito da nave. Ao ser unha especie protexida, e coa particularidade de que a igrexa non ten culto, decidiuse que era posible compartir o espazo, de xeito que un gran pano de malla fina separa as pinturas murais do resto da igrexa.
MONUMENTA DIVULGA: A igrexa de Santa María de Pesqueiras atópase á beira do camiño medieval de Belesar a Chantada, no medio dun bosque de castiñeiros e carballos centenarios que crea unha contorna propia, territorial e natural. As pinturas murais conservadas no presbiterio, realizadas no século xvi, onde se representa a anunciación a María, a resurrección de Cristo e o xuízo final están consideradas unhas das máis fermosas de toda a Ribeira Sacra. Pero, ademais, ao atractivo da arquitectura románica da igrexa e das súas pinturas murais únese o interese pola vida dunha colonia de morcegos aos que nos achegaremos neste extraordinario exemplo de convivencia arredor dun Ben de Interese Cultural e doutro ben protexido: os morcegos en Galicia, a súa importancia na dinámica dos ecosistemas e a vulnerabilidade das súas poboacións.
CAMIÑANTES CONVIDADOS: María Abuín Fernández, da empresa Máis que Románico, que realiza visitas guiadas e rutas na Ribeira Sacra. Marta Becerro Manso, da empresa Tomos, restauradora especialista en pintura. Roberto Hermida, da asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural, bo coñecedor da vida dos morcegos.
ANDAINA
Hora de saída: 11.00 h
Hora de regreso estimada: 14.00 h
Distancia: 3 quilómetros
Dificultade: baixa
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 125 persoas.
Imprescindible inscrición, do 03 de agosto ao 10 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com.
Admisión por orde de inscrición.
Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.
- Programa Monumenta 20172.69 MB
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro