Evento: Invisibles
Invisibles
Un lugar indeterminado. Tres mulleres. Sete testemuños reais. Setenta minutos. Un millón de razóns para falar do maltrato. Non máis invisibles. Invisibles é un espectáculo de creación colectiva a partir da novela homónima de Monste Fajardo, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental deste espectáculo é concienciar e sensibilizar ás espectadoras e aos espectadores con esta lacra que invade a sociedade. Invisibles é un espectáculo para maiores de 12 anos, debido ao contido dalgunha das situacións que se presentarán no mesmo. Pódese dicir que é un espectáculo para público adulto pero tamén cun grande interese para xente en idade adolescente, xa que é precisamente nese rango de idade no que rematan de formar as súas personalidades e no que comezan as súas primeiras relacións de parella. É o momento no que coñecer este tipo de situación pódelles levar a construír unha relación máis sa e a asentar os límites das súas relacións futuras. Con este espectáculo preséntanse dúas grandes reflexións: a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren violencia de xénero e a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. A compañía busca que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que o envolve para poder así transformala. Invisibles quere respectar e conservar a necesaria dimensión lúdica do teatro, pero aproveitando tamén a súa capacidade transformadora. Elenco artístico: Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez