Evento: Exposición 'Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción'
Exposición 'Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción'
Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción é unha singradura a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico percorremos a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal.
Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos que compoñen esta exposición e que imos recollendo a modo de crebas ao longo deste itinerario, deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo, que evidencia que a globalización dixitalizada do século XXI continúa a necesitar de historias de noso, con novas expresións, medios e soportes.
A literatura, os filmes, o teatro, a banda deseñada, os tráiler e book-tráiler ou os making of configuran este renovado mosaico de ficción. Xéneros, argumentos, personaxes, escenarios, que compoñen este mapa conceptual, que deixa entrever as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño.
Esta exposición organizase ao abeiro dun proxecto europeo POCTEP, denominado Nortear, que ten como fin abrir canles de coñecemento e difusión da cultura entre Galicia e a rexión Norte de Portugal.
Os participantes neste proxecto son, ademais da Secretaría Xeral de Cultura de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteriza, Galicia- Norte de Portugal (AECT-GNP), que é quen o lidera.
Pódese visitar no vestíbulo da biblioteca durante o horario de apertura.