Evento: Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes
Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes
Pouco podía imaxinar Avelino Cachafeiro, cando en 1924 foi proclamado o mellor gaiteiro de Galicia, que o seu nome sería honrado na súa vila natal tantos anos despois e cunha festa de gran magnitude. Soutelo de Montes, no concello de Forcarei, convértese na capital da gaita co gallo da Festa do Gaiteiro, na que se se reúnen arredor de 750 músicos, e á que acoden espectadores e autoridades de todo o territorio galego e de Portugal. A festa celébrase anualmente, de xeito ininterrompido, desde o ano 1979. Decenas de músicos de toda Galicia e dalgunhas comunidades galegas no exterior toman a localidade a ritmo de gaitas, tambores e pandeiretas, e na praza dos Gaiteiros sucédense as actuacións musicais. Créase nela un clima moi singular, de pertenza á mesma cultura, que embarga o espírito de todos os presentes, e o recordo de Avelino Cachafeiro, aquel autodidacta que aprendeu a tocar os instrumentos do seu avó e que cos seus irmás chegou a tocar con éxito en Sudamérica e nas Olimpíadas de Amberes, planea pola localidade durante toda a xornada. Tras o pregón, o acto central da festa é a entrega das Medallas de Ouro do Gaiteiro, que recoñecen o labor de persoas ou organizacións en prol da propia festa, da cultura popular e doutros aspectos da comarca de Terra de Montes. Pola tarde, ten lugar o Concurso de Gaita e Tambor “Avelino Cachafeiro”, no que se pon de relevo, pola calidade das interpretacións de novas promesas, o prestixio que ten esta festa no mundo da gaita. Recentemente, ademais, foi instaurada a figura dun embaixador anual da Festa do Gaiteiro. O acto de nomeamento é realizado con moito protocolo e nel entrégaselle ao novo embaixador a súa faixa de gaiteiro.
Destacado:
Concurso de Gaita e Tambor “Avelino Cachafeiro”.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular