Ofrece todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo autónomo
A Libraría Institucional da Xunta de Galicia nace como cumprimento da Lei do libro e da lectura de Galicia que desenvolve a previsión constitucional de promover e tutelar o acceso á cultura de todas as persoas. Así mesmo, establece que a Xunta de Galicia creará unha libraría institucional do Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia, na cal se ofrezan todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo autónomo.
A Libraría, por tanto, cubre a necesidade importante de adecuar a xestión das publicacións institucionais aos recursos técnicos xerados, no que atinxe ás actividades de comercio electrónico, editoriais e bibliográficas, de maneira que a cidadanía de Galicia teña á súa disposición, dun xeito doado, o material xerado polos órganos de goberno autonómicos e as súas unidades e entidades dependentes.
A Libraría Institucional funciona a través dunha plataforma electrónica a través da cal, todos os cidadáns e librarías -independentemente de onde se atopen- teñen acceso aos seus contidos e servizos. É dicir, calquera que o desexe pode acceder ás publicacións da Xunta e dos seus organismos dependentes a través do enderezo electrónico https://libraria.xunta.gal.
Así mesmo, a través desta plataforma centralízase a distribución e comercialización do seu fondo editorial tanto en formato físico coma electrónico, tanto venal coma non venal. Por tanto, é de xestión directa do persoal da administración e non a través de distribuidoras externas. Esta tamén é a nova canle para que as librarías e outros puntos de venda adquiran as publicacións da Xunta de Galicia.
Ás publicacións gratuítas tan só se lles aplican gastos de transporte en caso de que se solicite o seu envío físico, e as publicacións venais (de pago) manteñen o seu PVP.
As persoas interesadas nunha publicación venal (libro, folleto, revista,…) poden realizar o pagamento a través do propio web ou a través do sistema de pagamento mediante transferencia bancaria. En canto a plataforma lle confirme a corrección do pagamento ao usuario/a, este poderá descargar a publicación ou seralle remitida ao seu domicilio. O prezo final dunha publicación está constituído polo prezo da publicación (só no caso de que sexa venal), e os gastos de distribución e transporte (se está en formato físico).