María Meijide (Santiago de Compostela, 1978) é unha das artistas plásticas galegas máis destacadas do novo século. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla e Máster en Pintura pola de Lisboa, a súa obra ten cobrado gran proxección internacional nestes anos e pezas súas puideron contemplarse en exposicións de cidades como Arlés (Francia), Milán (Italia), Zacatecas (México), Bruxelas (Bélxica) ou Lisboa (Portugal).
A orixinalidade e perfección das súas creacións foi recoñecida con numerosos premios e bolsas, entre os que destacan o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo da Coruña, a bolsa Grundtvig da Universidade de Lisboa, a bolsa Fundación Rojo Urbiola de Zacatecas, a bolsa Royal-Tallens de Barcelona ou o Premio Iberoamericano de Pintura ao Aire Libre de Huelva.
Artista multidisciplinar, interesada en abrir novas vías para a creación plástica, nos últimos tempos ten elaborado tamén libros de autor ―Postais dende o mercado (2014), De Kuala Lumpur a Beijing (2015)―; realizado obradoiros de elaboración de cartografías a través de cadernos de viaxe como Cambio de planos ―Centro Galego de Arte Contemporánea (2015)―; presentado un mapa emocional da cidade de Santiago de Compostela ―Fundación Granell (2014)―; participado en convocatorias de Open Studio internacionais como a de Marsella (2011); realizado proxectos pictórico-poéticos ―como o titulado Que barbaridade!, en colaboración coa escritora Lucía Aldao en Passau, Alemaña (2007)―; participado en sesións de Arte Efémera ―Fundación Luís Seoane (2007)― e conferenciado e realizado workshops arredor destas e outras liñas de forza creativas.