pontevedrant_cabe.png

"Pontevedra no tempo" é a última das mostras que compoñen o proxecto expositivo Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense, a proposta péchase na cidade de Pontevedra acadando o seu obxectivo de poñer en valor a cultura urbana das sete cidades como compoñente chave na construción da identidade galega.
A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se veñen localizando as exposicións de cada cidade.
Nesta última exposición, e a través dun cento de obxectos físicos e 120 pezas dixitais, faise un percorrido pola historia e a evolución de Pontevedra dende diversos ámbitos e perspectivas: a cidade como sistema, a expansión urbana, a cidade produtiva, a estética, o lecer ou as formas de vida no lugar.
A boa vila para unha «vida boa»
Pontevedra no tempo é a única das cidades galegas que se sitúa ao fondo da ría, un lugar no que mar e montaña se entrecruzan na cidade. A exposición toma como punto de partida o mito fundacional do Teucro e percorre a mutación da urbe, que primeiramente se caracterizou por un espírito portuario cuxo maior esplendor chegou no século XVI para derivar despois nun importante epicentro administrativo. A través dos elementos que compoñen a mostra, mergullámonos na Boa Vila, e o que supuxo para Pontevedra e as súas xentes moverse, ao longo do tempo, entre a dicotomía de mundo urbano e rural.
A fronte do proxecto esta Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará Viñas. Colaboran tamén de forma esencial institucións relevantes da cidade como son o Museo de Pontevedra e o Concello, ademais de coleccións privadas e entidades do exterior.
Do 15 de xullo ao 14 de setembro de 2024
- Horarios: de luns a sábados: de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h | Non abre domingos nin festivos
- Localización: Sala de Exposicións Afundación Pontevedra
- Entrada: de balde
- Organiza: Xunta de Galicia | Cidade da Cultura
- Colabora: Afundación