Que mellor homenaxe ao pasado da Illa de San Simón, coas súas conquistas e as súas desgrazas, os seus episodios máis gloriosos e máis amargos, que convertela nun lugar de pensamento libre? Do tributo á memoria parte o proxecto Illa do Pensamento, nunha singradura que xa non só suca o vello océano, senón que discorre polas autoestradas da información, transmitíndolle ao mundo a corrente do pensamento atlántico e recibindo del todo o combustible necesario para propulsar o potencial artístico e creativo que ten cabida neste arquipélago.
San Simón é hoxe un espazo público laboratorio de ideas con proxección globalizadora, vocación multidisciplinar e unha nova identidade na que o pensamento creativo, máxico, artístico e crítico ilumine todas as actividades e accións que se levan adiante neste fermoso arquipélago.
A súa fachada natural é a mellor carta de presentación do conxunto de San Simón, formado por dúas pequenas illas unidas por unha ponte e por dous illotes no fondo da ría de Vigo, moi próximos a terra.
Declaradas pola Xunta de Galicia Ben de Interese Cultural con categoría de Sitio Histórico, as illas foron sometidas a un profundo proceso de rehabilitación, sumando á arquitectura existente e ao seu rico ecosistema novos equipamentos, infraestruturas e espazos naturais que inclúen desde un auditorio ata zonas expositivas, residenciais e lúdicas que as converten nun enclave idóneo para desenvolver actividades de toda índole.