Feira do Libro de Buenos Aires

 

Santiago de Compostela, cidade convidada

O libro e a creación galega son os protagonistas da 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016, con motivo da designación de Santiago de Compostela como cidade convidada. Unha oportunidade única para programar en distintos espazos da cidade porteña actividades que contribúan a reforzar a proxección da creación cultural galega e a establecer novos lazos coa cultura arxentina.

 

Un escaparate para a literatura e a cultura galegas

Máis de 25 autoras e autores, entre os que se atopan Manuel Rivas, Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Jorge Mira e Fernán-Vello, entre outros, participan nas actividades programadas na capital arxentina para promover o libro galego e dar a coñecer a súa obra neste marco destacado de intercambio entre os diferentes actores da industria editorial internacional.

 

Xornadas profesionais

Previamente á apertura ao público, entre o 19 e o 21 de abril, desenvólvense as xornadas dedicadas aos profesionais, o maior encontro da industria editorial en América do Sur, na que participan editores, libreiros, ilustradores, axentes literarios, bibliotecarios, distribuidores e demais protagonistas da cadea de valor do libro.

 

A cultura galega na axenda bonaerense
Ademais do espazo central para o libro galego no stand oficial da feira, con exhibición dunha ampla mostra das publicacións máis recentes, o recinto feiral tamén acolle nas súas salas e espazos comúns outras actividades culturais programadas, que teñen continuidade noutros centrso culturais da cidade. Durante tres semanas, Galicia é protagonista da axenda bonaerense con exposicións, charlas, espectáculos escénicos e proxeccións audiovisuais.

 

Vídeo Santiago de Compostela, cidade convidada á Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016

 

Vídeo da participación de autores e autoras galegos na FILBA 2016