Anxo Carracedo

Anxo Carracedo (Santa Comba, A Coruña, 1955) é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e un dos xenetistas máis importantes do mundo.

Ensaísta de moi dilatada traxectoria, a súa produción científica recóllese en máis dunha decena de libros e centos de artigos nas máis prestixiosas revistas internacionais, como Nature, Science, Nature Genetics ou American Journal of Human Genetics, entre moitas outras.

Director do Instituto de Medicina Legal da USC dende 1994, el e o seu equipo de colaboradores foron pioneiros na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense mediante o emprego da xenética molecular, técnicas que hoxe se seguen nos laboratorios de todo o mundo.

O profesor Carracedo ten aberto coas súas investigacións novas vías para a oncoloxía clínica ou a neuroxenética que axudaron a detectar e tratar enfermidades graves e afeccións de todo tipo.

Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, foi (ou aínda é, segundo os casos) presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics, entre outras responsabilidades de relevo, nas que tamén cómpre incluír as de editor da revista Forensci Science International: Genetics e a dirección de máis de medio cento de teses de doutoramento que hoxe son investigacións cruciais nas súas disciplinas.

O seu brillante labor foi recoñecido en numerosas ocasións. Así, no Premio Galicia de Investigación, o Premio Novoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o Premio Rei Xaime I ―concedido por vinte premios Nobel―, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou, recentemente, o Premio Nacional de Xenética, distincións ás que se suman diversos doutorados honoris causa por varias universidades de Europa e América.