Elena Gallego Abad

Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) naceu en terras turolenses, pero sendo moi noviña seus pais trasladáronse a Verín (Ourense). Xornalista con ampla experiencia en prensa e radio, nos últimos anos ten desenvolvido un intenso labor como narradora que a converteu nunha das voces máis destacadas do relato fantástico en Galicia.

Neste sentido, o éxito alcanzado pola súa tetraloxía Dragal é unha boa mostra da capacidade para recrear mundos de aventura e fantasía nos que as vellas lendas e ritos ao redor da mítica figura do dragón cobran nova vida para engaiolar lectores de toda idade.

Ata o de agora publicou Dragal. I. A herdanza do dragón (2010) ―Premio Frei Martín Sarmiento―, Dragal. II. A metamorfose do dragón (2011), Dragal. III. A fraternidade do dragón (2012) e, recentemente, Dragal. IV. A estirpe do dragón (2015). Esta saga foi xa traducida ao castelán, inglés e catalán e a produtora Ficción Producciones está a traballar nun ambicioso proxecto crossmedia que a levará ao cinema, ao cómic e ao videoxogo.

Xa fóra de serie publicou Sete caveiras (2014), unha novela negra na estela dos grandes do xénero como a Agatha Christie de Os dez negriños que está a ter unha moi boa acollida entre o público lector.

Vibrante, inzada de acción e aventuras, a escrita de Gallego Abad convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal e o gozar dos mundos de ilusión e marabilla nos que nos mergulla.

Datos de contacto