Xaquín del Valle-Inclán (Santiago de Compostela, 1953) é un escritor, profesor e investigador galego, neto do xenial Ramón María del Valle-Inclán.
Como narrador estreouse coa publicación de Historias da cidade do deserto (1988), un libro experimental, de estética neovangardista, que no seu día sorprendeu pola capacidade para evocar e recrear mundos baixo unha arquitectura textual anovadora e en extremo suxestiva.
Tras daquela primeira obra veu A praia de lastros (1995), volume coasinado con Manuel Pérez Mahía, e aínda os relatos “As clases de maxia” e “Os camiños do máis acá”, ambos do 2002.
De por parte, Xaquín del Valle-Inclán é toda unha autoridade nos estudos arredor da vida e obra de quen fora seu avó, a quen editou en diversas ocasións e sobre o que escribiu unha referencial biografía baixo o título de Ramón del Valle-Inclán. Genial, antiguo y moderno (2015), onde non só percorre con detalle os principais socalcos vitais do autor, senón que tamén documenta os seus pasos para devolvernos a súa vera effigies libre dos aditamentos anecdóticos que tantas veces se lle apuxeron.
Colaborador habitual da revista Cuadrante sobre estudos valleinclanescos e presidente da Asociación Amigos de Valle-Inclán, é, hoxe por hoxe, un dos máis recoñecidos investigadores sobre a biobibliografía do escritor, do que herdou a paixón pola literatura.