Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2015

A publicación da Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2015 é un exercicio de transparencia, no que se recollen as actuacións realizadas tanto nas bibliotecas públicas e arquivos de Galicia, como nos museos dependentes da consellería, da Cidade da Cutura ou ao abeiro da Agadic. Asi mesmo, difúndense as accións a prol da difusión do libro e da literatura galega, da internacionalización da nosa cultura, da promoción da música e das artes escénicas e audiovisuais, da difusión das artes plásticas e visuais, e da conservación do noso patrimonio.

O que rematou foi un ano importante no avance do libro no ámbito dixital, coa rodaxe da nova plataforma de préstamo bibliotecario de libro electrónico GaliciaLe e da posta en marcha da libraría dixital da Xunta de Galicia. Tamén para o recoñecemento do noso patrimonio cultural, coa declaración de Patrimonio Mundial da Unesco das catro rutas dos Camiños do Norte. Foi ano de exposicións artísticas de referencia, como O primeiro Picasso ou José Suárez. Uns ollos vivos que pensan. E de difusión escénica e musical por todo o territorio galego, coas intensas programacións da Agadic. Foi ano de cine galego de primeira. E ano de sementeira para os eventos que porán a cultura galega no relato internacional: a celebración dunha nova edición do Womex en Santiago de Compostela e o convite de honra da Feira do Libro de Buenos Aires.

 

Documentos relacionados