Bens de Interese Cultural

Os Bens de Interese Cultural (BIC) son aqueles bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Esa proposta pode ser iniciativa da consellería competente en materia de patrimonio cultural, despois da tramitación dun procedemento instruído e incoado, ou para aqueles bens que teñan esta consideración en aplicación da lexislación vixente pode empregarse o procedemento descrito na Sede Electrónica da Xunta de Galicia CT135A.

Descarga a Relación de Bens de Interese Cultura en formato folla de cálculo

Tras a súa declaración ou recoñecemento, inscríbense no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, onde se recollen, entre outros, os datos relativos á súa identificación e localización, así como outros de interese para a súa protección.

 

Especificacións asociadas á declaración de BIC

A declaración de interese cultural dun ben determina os valores que xustifican a súa declaración. Inclúe unha descrición detallada e precisa que permita a súa correcta identificación.

O expediente para a inclusión dun ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural pode variar en función da natureza ou categoría do ben ou a manifestación do patrimonio inmaterial. A declaración de interese cultural de bens inmobles inclúe as seguintes especificacións:

  • A categoría coa que son declarados.
  • A identificación e a descrición das partes integrantes e bens mobles que, pola súa vinculación co inmoble, se incorporen á declaración. Así mesmo, debe identificarse a posible existencia de bens inmateriais.
  • A delimitación motivada do ben declarado e, para os casos en que resulte necesario, o contorno de protección e a zona de amortecemento, que non se consideran ben de interese cultural.
  • Os inmobles comprendidos na delimitación do ben declarado que, de ser o caso, se declaren singularmente, así como o seu propio contorno de protección e zona de amortecemento, que tamén poden ser obxecto de inscrición independente no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.
  • As determinacións, cando proceda, respecto á demolición total ou parcial ou á retirada forzosa de elementos, partes ou construcións incluídas na delimitación do ben declarado ou no contorno de protección que resulten incompatibles coa súa posta en valor.
  • A descrición do seu estado de conservación e as eventuais directrices para posteriores intervencións, se se considera conveniente.

No caso de conxuntos ou coleccións de bens mobles, a declaración debe enumerar e describir individualmente cada un dos elementos, ou grupos de elementos, que os integran.

No caso de bens inmateriais, ademais da descrición dos seus aspectos intanxibles, identifícase o seu ámbito espacial e temporal cando sexa necesario para a súa protección.

No caso de que os usos dun ben poidan resultar incompatibles ou prexudiciais para a súa protección, a declaración establece a súa eliminación ou os condicionantes para o seu mantemento.

 

Sinalización do BIC e instalación doutros elementos

Os bens inmobles declarados de interese cultural poden ser sinalizados mediante paneis de deseño e tamaño apropiados á súa natureza nos que se describan as características máis relevantes do ben protexido e nos termos que se determinen regulamentariamente. A tipoloxía empregada e a localización dos sinais deben ser especialmente coidadosas coa súa integración no contorno.

Nos monumentos, sitios históricos, zonas arqueolóxicas e xardíns históricos declarados de interese cultural:

  • Queda prohibida a instalación de publicidade comercial e do que impida ou deturpe a apreciación do ben dentro do seu contorno.
  • Non poden instalarse cables e antenas que prexudiquen a apreciación dos bens, agás que non existan solucións técnicas que resulten máis compatibles coas súas características.
  • A consellería competente en materia de patrimonio cultural pode autorizar a colocación de rótulos, sinais ou símbolos vinculados exclusivamente a actividades de mecenado, sempre que se salvagarden a súa integridade, estética e valores culturais.