Custo total da operación: 1.371.480,76 €
Axuda FEDER: 1.093.551,46 €
Obxectivo: mellorar a conservación, protección, posta en valor e difusión e bens do patrimonio arqueolóxico galego.
Situación: concellos de Sobrado (A Coruña), Castro de Rei (Lugo), Campo Lameiro (Pontevedra) e San Amaro e Punxín (Ourense)
Temporización: primeiro semestre 2016 - decembro 2021
Actuación:
Realización dunha serie de actuacións de investigación, restauración e difusión sobre varios bens do patrimonio arqueolóxico galego que son propiedade da Xunta de Galicia coa finalidade de mellorar a súa conservación, protección e posta en valor. En concreto, os xacementos arqueolóxicos sobre os que se vai actuar son:
Campamento romano de Cidadela (Sobrado, A Coruña). Este xacemento arqueolóxico destaca polos seus valores científico e patrimonial, así como polo seu potencial como recurso cultural. O obxecto da proposta é levar a cabo un plan global de actuación que permita a investigación, conservación e protección do xacemento de cara á súa posta en valor e visita pública. As actuacións a realizar inclúen a escavación arqueolóxica, consolidación e restauración dunha área do xacemento que permita protexer e contemplar os restos arqueolóxicos postos ao descuberto en anteriores campañas e incluílos nun circuíto mínimo de visita. Así mesmo contémplanse actuacións de sinalización e difusión (creación dun itinerario de visita, deseño e colocación de carteis explicativos das distintas áreas do xacemento arqueolóxico...).
Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo). Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia e dos máis coñecidos e visitados polo público. Dado o seu excepcional valor patrimonial ten a condición de Ben de Interese Cultural, segundo o Decreto 441/2009. A proposta de actuación consiste en levar a cabo un plan de conservación preventiva, a desenvolver en varias fases e por zonas, cara evitar o derrubo e destrución daquelas estruturas da croa do castro, postas ao descuberto en anteriores traballos de escavación arqueolóxica, que presentan un estado de conservación máis deteriorado e que precisan urxentemente de actuacións de escavación, consolidación e acondicionamento que permitan a súa conservación e protección, e faciliten a súa vez a accesibilidade e seguridade dos visitantes.
Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR). Equipamento público situado no concello pontevedrés de Campo Lameiro que conta cun centro de interpretación e unha área arqueolóxica visitable de case 22 hectáreas, declarada Ben de Interese Cultural, na que existe unha extraordinaria colección de petróglifos que son accesibles a través dunha serie de infraestruturas (itinerarios sinalizados, zonas de descanso, recreación dun poboado da Idade do Bronce...). O obxecto da proposta é manter e ampliar os recursos de difusión do PAAR, mediante a reparación do poboado da Idade do Bronce, deteriorado polo paso do tempo e o seu uso; a reconstrución dunha área de necrópole que achegue ao visitante ao mundo da morte da Idade do Bronce, e a iluminación dalgúns dos petróglifos para facilitar a súa visita nocturna.
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC). Esta infraestrutura museística, situada entre os concellos ourensás de San Amaro e Punxín, abrangue un centro de interpretación e o xacemento arqueolóxico coñecido como A Cidade de San Cibrao de Las que é un dos castros escavados mellor coñecidos e con maior monumentalidade de Galicia. A proposta de actuación consiste en levar a cabo traballos de escavación e consolidación arqueolóxica dun barrio do castro para ampliar os recursos turístico-culturais postos ao descuberto, e tamén realizar traballos de restauración e acondicionamento das zonas de tránsito do itinerario de visita ao castro, para mellorar a súa accesibilidade; ademais de completar o peche do ámbito do PACC, ampliar as súa sinalización e crear zonas de esparexemento dos visitantes.
Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa