Restauración e mellora da conservación de elementos patrimoniais singulares da Ribeira Sacra para a súa difusión e posta en valor



-_-logos.jpg.png

Media Folder: 

Custo total da operación: 4.664.768,76 €

Axuda FEDER: 3.645.783,90 €

Obxectivo: Aumentar a superficie de edificios ou lugares pertencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados; aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural.

Situación: concellos de Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Portomarín, O Saviñao e Sober (provincia de Lugo) e concellos de Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo (provincia de Ourense)

Temporización: maio 2016 – marzo 2024

Actuación:

A Ribeira Sacra está situada entre os ríos Sil e Miño e é unha das áreas xeográficas de Galicia con maior concentración de enclaves monásticos e cun rico patrimonio cultural, artístico e arquitectónico.

O Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, publicouse no DOG núm. 248 do 31.12.2018. Este decreto inclúe no seu anexo I como bens de interese cultural integrantes da paisaxe cultural da Ribeira Sacra unha relación de mobles, inmobles e manifestacións do patrimonio cultural inmaterial; entre eles están os bens sobre os que se actúa no marco desta operación. O 15.09.2021 a Unesco declarou o territorio da Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel como Reserva da Biosfera. O Consello do Patrimonio Histórico Español aprobou por unanimidade, na súa reunión celebrada o 5.04.2024 na Palma, que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial para a avaliación no Comité do Patrimonio Mundial de 2026.

Nas igrexas e mosteiros destas terras establecéronse moitos eremitas en busca de illamento para a oración; como fixera san Martín Dumiense ou san Frutuoso. Pouco a pouco formáronse as primeiras comunidades ao redor do século X; algunhas eran cistercienses e outras beneditinas. Entre os séculos XI e XII eses lugares dependeron directamente de Cluny. No século XV, cando os Reis Católicos fixeron unha reforma profunda que consistiu na centralización de todos os mosteiros beneditinos na Congregación de San Bieito Real de Valladolid, perderon a súa independencia pero gañaron revitalización. Durante os séculos seguintes seguirán as reformas e melloras destes mosteiros. Na primeira metade do século XIX, cos Decretos Reais de exclaustración, moitos destes mosteiros foron abandonados e esquecidos ata que no século XX se apostou pola súa recuperación.

O obxectivo da actuación é resolver os problemas de conservación dos elementos singulares dos edificios, atallando as causas de deterioración no edificio para restaurar as pinturas murais, elementos escultóricos ou retabilísticos. Nalgún caso, as condicións do edificio son adecuadas pero o elemento artístico está danado e resulta preciso acometer a súa restauración, para evitar a súa deterioración e finalmente a súa perda. Noutros casos é posible acometer os traballos nunha actuación única.

Están incluídas as seguintes actuacións:

  • Restauración de pinturas e retablo do presbiterio da igrexa de Santa María de Nogueira, Chantada.
  • Restauración das fachadas da igrexa de San Vicenzo do Pino, Monforte de Lemos.
  • Obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública e restauración dos bens artísticos (retablos) da igrexa do Colexio de Nosa Señora da Antiga, Monforte de Lemos.
  • Obras de adecuación do atrio e actuacións de conservación nas pinturas murais da igrexa de Santo Estevo de Atán, Pantón.
  • Posta en valor do xacemento arqueolóxico do Preguntoiro, Pombeiro, Pantón.
  • Obras de restauración da cuberta e mellora das condicións de humidade e restauración das pinturas murais (1ª fase) da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, Pantón.
  • Restauración das cubertas do Mosteiro de Ferreira de Pantón: claustro, casa das donas e outras puntuais, Pantón.
  • Actuacións de reparación, restauración e traballos de conservación preventiva na igrexa de San Xoán de Portomarín.
  • Restauración da cuberta e portada románica da igrexa do conxunto de San Paio de Diomondi, O Saviñao.
  • Obras de restauración da cuberta e muros da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, O Saviñao.
  • Restauración da igrexa de Santa María de Seteventos, O Saviñao.
  • Traballos de investigación, conservación e rexistro da capela e necrópole de San Pedro de Cela, O Saviñao.
  • Restauración da cuberta e mellora das condicións de humidade e posterior restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicenzo de Pinol, Sober.
  • Obras de mellora das condicións de humidade nos muros e restauración da pintura mural da nave principal da igrexa de San Xiao de Lobios, Sober
  • Obras de restauración na igrexa e restauración da sancristía e coro alto da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín.
  • Obras de restauración e conservación do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.

Tamén se dotaron os bens de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, e se fixeron os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección da Ribeira Sacra para á súa promoción cultural.

 

                                                                      Operación cofinanciada pola Unión Europea; Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

                                                                                      Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

                                                                                                                        Unha maneira de facer Europa