A Rede de bibliotecas de Galicia (composta polas bibliotecas de titularidade pública, estatal, autonómica ou local integradas nesta rede) ofrécelles aos usuarios dos diferentes territorios de Galicia o acceso a milleiros de títulos e materiais informativos. Ademais dos servizos de préstamo, a Rede de bibliotecas de Galicia ofrece outros servizos e actividades para promover a lectura, que cada vez teñen unha meirande demanda social, como os clubs de lectura, charlas de escritores, sesións de animación á lectura para nenos e nenas etc.
O programa Ler conta moito, que achega actividade de dinamización ás bibliotecas públicas e municipais de toda Galicia, outórgalles a estes centros un novo motivo de interese para aproximarse á lectura.
Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realiza periodicamente unha potenciación das coleccións das bibliotecas para que estas poidan ofrecer un préstamo actualizado e que responda ás necesidades dos usuarios. Para isto, estase a favorecer a adquisición de novos fondos, o reforzo da presenza da produción editorial galega e tamén unha maior diversificación de formatos, cunha incorporación progresiva de textos dixitais.