Nova: O Centro Dramático Galego programa en Santiago seis producións propias e coproducións ata abril

10/01/2023

O Centro Dramático Galego programa en Santiago seis producións propias e coproducións ata abril

Os textos gañadores da Bolsa de Dramaturxia protagonizan a carteleira desta semana no Salón Teatro coa lectura dramatizada de ‘Bailar no ceo’ esta mesma tarde e a posta en escena de ‘Relato para un incendio’ en coprodución con aAntena

‘A contenda dos labradores de Caldelas ou o entremés famoso sobre a pesca do río Miño’, producida coa Companhia de Teatro de Braga, estará en escena do 26 de xaneiro ao 5 de febreiro

A programación estenderase ao Salón Nobre de Fonseca para a estrea e as funcións de ‘Shakespeare en Roma’ e á Cidade de Cultura de Galicia para dúas novas entregas de ‘Clásicas desfeitas’

‘Un hotel de primeira sobre o río’ subirá por primeira vez a escena o 30 de marzo e poderá verse en Compostela durante todo o mes de abril antes de iniciar a súa xira

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023 O Centro Dramático Galego inicia hoxe a súa programación de 2023 coa primeira das preto de 90 funcións que desenvolverá ata finais de abril en Santiago de Compostela, tanto na súa sede do Salón Teatro como no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e na Cidade da Cultura de Galicia. Destacan nesta carteleira a posta en escena de seis das producións propias e coproducións da compañía da Xunta de Galicia, entre as que se inclúen as estreas e temporadas de exhibición dos espectáculos Shakespeare en Roma e Un hotel de primeira sobre o río.

Os textos gañadores das dúas primeiras edicións da Bolsa de Dramaturxia e Creación, promovida polo Centro Dramático en colaboración con diferentes colectivos do sector cultural galego, protagonizan o arranque da actividade pública no Salón Teatro. Así, esta mesma tarde organízase xunto á Asociación de Actores e Actrices de Galicia a lectura dramatizada de Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, por María Roja, Roberto Leal e Cora Velasco baixo a dirección de Gena Baamonde.

O venres 13 e o sábado 14 será a quenda para a montaxe de Relato para un incendio, de Ernesto Is, para a que a compañía aAntena contou coa coprodución da Xunta como proxecto resultante da primeira edición da Bolsa. As entradas para estes dous pases, programados ás 20,00 h., poden adquirirse na web www.entradasataquilla.com.

Teatro-documento

O espectáculo, dirixido por Xosé Leis e interpretado por Isabel Risco, Victoria Pérez e Manu Fernández, conecta a modo de teatro documento dous feitos que se produciron nas terras de Ordes. Dunha banda, a investigación sobre a bruxería en Galicia do etnógrafo danés Gustav Henningsen, quen se detivo especialmente nesta comarca coruñesa e, doutra, a ruta incendiaria dunha gandeira da contorna en 2016. Con estes dous fíos, teceuse unha proposta que pon en valor o patrimonio cultural e natural, ao tempo que reflexiona sobre a súa conservación e sobre o significado da figura das meigas en Galicia.

Ademais, o Salón Teatro será mañá o escenario da presentación do número 104 da revista teatral Erregueté, que dará comezo ás 20,00 h. ao igual que o resto das citas da semana.

Tamén en xaneiro, o xoves 19 terá lugar a lectura dramatizada do texto Gloria Gloria, de Marcos Caramés-Blanco, con dirección de Sarah Delaby-Rochette, que se presenta en Galicia en intercambio co Théâtre des Célestins de Lion (Francia), mentres que do xoves 26 ao sábado 5 de febreiro poderase ver en Santiago A contenda dos labradores de Caldelas ou o entremés famoso sobre a pesca do río Miño, producida polo Centro Dramático Galego coa Companhia de Teatro de Braga (Portugal).

Regreso aos escenarios de ‘A contenda’

O espectáculo, baseado na escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, que representa a primeira peza teatral en lingua galega conservada, regresa aos escenarios para ofrecer nove funcións no Salón Teatro tras a súa estrea en 2021 no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e na Mostra Internacional de Teatro Cómico Festivo de Cangas e o seu pase especial en Ribeira de Caldelas (Tui). A venda electrónica de entradas xa está activada na plataforma de Ataquilla.

Na carteleira deste primeiro cuadrimestre do ano destacan, así mesmo, as estreas das dúas próximas producións propias da compañía institucional, que se atopan nestes momentos en fase de ensaios: Shakespeare en Roma, a partir de textos do dramaturgo inglés, que se representará no Salón Nobre do Pazo de Fonseca do 9 de febreiro ao 2 de abril, e Un hotel de primeira sobre o río, primeira montaxe profesional desta obra de Xohana Torres, que ocupará o Salón Teatro do 30 de marzo ao 30 de abril.

A programación do Centro Dramático Galego tamén terá a súa extensión na Cidade da Cultura de Galicia, que colabora en dúas novas entregas do proxecto Clásicas desfeitas, que poderán verse na segunda metade de marzo.

 

Comparte