Nova: A Xunta abre o programa de axudas ao audiovisual galego de 2023 cun investimento de 775.000 euros en salas de cine, festivais e internacionalización

12/01/2023

A Xunta abre o programa de axudas ao audiovisual galego de 2023 cun investimento de 775.000 euros en salas de cine, festivais e internacionalización

Esta semana publícanse as tres primeiras convocatorias do ano para o sector, que se dirixen especificamente ás fases de exhibición, difusión e promoción e ás que seguirán nos vindeiros meses as destinadas a produción, preprodución e talento

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades continúa co apoio ás salas de cinema, con 500.000 euros para o mantemento da actividade de programación, especialmente de cine galego, así como para a creación e fidelización de públicos

Continúa medrando a dotación para a organización profesional de festivais audiovisuais, que alcanza os 225.000 euros cun incremento de máis do 7%

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana o seu programa de subvencións ao audiovisual galego de 2023 coa convocatoria das tres primeiras liñas de axudas, que suman un investimento de 775.000 euros para apoiar especificamente as fases de exhibición, difusión e internacionalización. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das axudas para salas de cinema por importe de 500.000 euros e para a asistencia a foros de negocio especializados e eventos de cine fóra de Galicia, dotadas con 50.000 euros, mentres que mañá será a quenda das de festivais audiovisuais, con 225.000 euros.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten previsto abrir nos vindeiros meses as convocatorias para produción e coprodución audiovisual, desenvolvemento de proxectos e impulso do talento, de xeito que o sector será destinatario este ano de máis de 3,7 millóns de euros en axudas para apoiar as empresas en todas as fases do proceso audiovisual: desde a escrita do guión, preprodución do proxecto, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición.

Adaptación aos novos hábitos de consumo

Esta última etapa do proceso é precisamente o obxecto das subvencións para salas de cinema publicadas hoxe e a través das que a Xunta mantén o seu compromiso con este tipo de establecementos, en recoñecemento ao seu papel fundamental para o conxunto do sector e diante dun panorama marcado polos novos hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais, especialmente a partir da pandemia.

 

Tras investir en 2022 arredor de 500.000 euros na modernización e funcionamento dixital e sustentable de 16 espazos de exhibición cinematográfica, desta volta a convocatoria destina a mesma contía a proxectos desenvolvidos ata o vindeiro 15 de agosto por empresas galegas en relación coa programación de cine galego e de películas europeas ou doutros países con baixa representación na cota de pantalla, así como con campañas de promoción e iniciativas para a atracción de públicos e o establecemento de prezos especiais para o público infantil, xuvenil e persoas maiores.

 

Convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, esta liña xestiónase con fondos europeos ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta. As axudas poderán cubrir ata o 80% dos gastos subvencionables de cada proxecto, establecéndose unhas contías máximas en función do número de pantallas de cada espazo.

 

Incremento da dotación para festivais

As subvencións a salas de cinema poderán solicitarse ata o vindeiro 13 de febreiro, do mesmo xeito que as destinadas a festivais galegos do sector audiovisual, que teñen prevista a súa publicación mañá no DOG. A súa dotación de 225.000 euros implica un incremento de máis do 7% respecto a 2022, co que se mantén a tendencia á alza desde a creación en 2015 desta liña de apoio, a través da que o ano pasado se contribuíu á organización de 11 certames considerados estratéxicos para o sector en Galicia.

 

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, esta liña diríxense a persoas físicas, xurídicas e a entidades locais organizadoras de festivais que teñan lugar entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. Entre os requisitos exixidos, establécese unha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como contar con tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debe conter un 5% de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

 

Videoxogos

Publícanse tamén hoxe as bases para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais, nas que se inclúen por vez primeira os videoxogos. A Xunta contribúe á internacionalización das producións galegas cofinanciando con 50.0000 tanto os custos da asistencia de empresas a mercados e feiras internacionais de referencia como a promoción de filmes galegos seleccionados nalgún dos máis destacados festivais do circuíto estatal e internacional. No caso do sector dos videoxogos, subvencionarase a asistencia ao Gamescom de Colonia (Alemaña), Gamépolis de Málaga, IndiDevDay de Barcelona e Bigconference de Bilbao.

 

A través desta vía, o ano pasado adxudicáronse preto de 35.000 euros a unha vintena de produtoras para a promoción dos seus traballos en mostras e encontros profesionais como a Berlinale, o Bafici de Bos Aires, o festival de Nova York ou o Mipcom de Cannes.

Comparte