Nova: A Sala Capitol conta cun novo sistema dixital de iluminación co apoio da Xunta a través das axudas á modernización de infraestruturas culturais

20/01/2023

A Sala Capitol conta cun novo sistema dixital de iluminación co apoio da Xunta a través das axudas á modernización de infraestruturas culturais

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visita o escenario compostelán para comprobar o funcionamento deste novo equipamento, consistente nunha mesa DMX, focos led e a estrutura ‘truss’ motorizada

Esta liña de subvencións supón un investimento de máis de 2M€ na modernización e xestión sustentable de teatros, auditorios e salas de artes escénicas e musicais, dos que xa foron adxudicados 1,2M€ a 46 espazos tanto público como privados

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou a Sala Capitol de Santiago para comprobar o funcionamento do seu novo equipamento de iluminación escénica, adquirido co apoio económico da Xunta. O escenario compostelán foi un dos 46 beneficiarios da primeira convocatoria de subvencións do programa para a modernización e xestión sustentable de infraestruturas de artes escénicas e musicais.

O propietario da Capitol, Francisco Sanín, e o seu director de programación, Antonio Borrazás, recibiron o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, ao que lle detallaron as melloras que está a supoñer a posta en marcha deste sistema dixital de iluminación led, tanto desde o punto de vista técnico como do resultado artístico.

A sala está a estrear un equipamento consistente en mesa DMX, focos led e truss motorizado, para o que contou cunha subvención de 27.567 euros a raíz da primeira convocatoria do devandito programa de axudas. Nestes momentos, atópase en trámite de resolución a segunda quenda desta liña, coa que o investimento superará os 2M€ na mellora de teatros, auditorios e salas, tanto de xestión pública como privada ao abeiro dos fondos Next Generation EU.

Dous escenarios en Santiago

O Auditorio de Galicia é o outro espazo compostelán adxudicatario na primeira quenda, cunha achega de máis de 40.000 euros para a dixitalización da maquinaria escénica da Sala Ángel Brage.

 

A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental son as prioridades deste programa de fomento, de xeito que se está a facilitar a  renovación dos sistemas de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción en teatros, auditorios e salas. Así, o investimento estase a traducir tanto nunha mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico como nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público, ademais de atender as necesidades de rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

Comparte