Nova: A Xunta inviste preto de 400.000 € para encher de actividades as bibliotecas galegas e impulsar o traballo das empresas editoras
02/02/2023
A Xunta inviste preto de 400.000 € para encher de actividades as bibliotecas galegas e impulsar o traballo das empresas editoras
As editoriais poderán recibir ata 25.000 euros para cubrir gastos de edición, distribución e comercialización e teñen ata o 2 de marzo de prazo para solicitalo
Os concellos da Rede Pública de Bibliotecas poden solicitar integrarse no proxecto Ler Conta Moito ata o 27 de febreiro
Dáse resposta aos obxectivos do novo Plan Xeración Cultura 2023, co que o Goberno autonómico traballa para achegar a cultura a todas as persoas e modernizar o sector
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023 A Xunta avanza na súa folla de ruta anual de apoio ao libro e a lectura, para o que ten abertas tres convocatorias cun investimento de 400.000 euros co que se encherán de actividades as bibliotecas galegas e se impulsará o traballo dos profesionais da edición.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das axudas para os gastos da edición, distribución e comercialización das publicacións das editoriais galegas. Entre os requisitos, establécese que sexan libros editados en Galicia e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras plataformas de distribución, física ou dixital, cunha tiraxe mínima de 400 exemplares, agás de obras de poesía, teatro e ensaio, que poderán ter un mínimo de 200 exemplares. A Xunta inviste 200.000 euros nesta orde de axudas e cada editorial poderá recibir ata 25.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 2 de marzo.
De xeito paralelo, está en macha a nova edición de Ler Conta Moito, a campaña de dinamización da lectura coa que a Xunta enche de actividades as bibliotecas da Rede Pública e que o ano pasado permitiu organizar 708 propostas con máis de 36.000 participantes en 224 bibliotecas de toda Galicia.
Dinamización da lectura
Por unha banda, os profesionais de dinamización cultural teñen aberto o prazo -ata o 15 de febreiro- para incluír as súas actividades (contacontos, obradoiros creativos, recitais, exposicións....) neste catálogo. Ademais, os concellos integrados na Rede Pública de Bibliotecas teñen de prazo ata o 27 de febreiro para integrarse na iniciativa e incluír algunha destas actividades nos centros que xestionan. A Xunta destina 195.000 euros.
Con estas medidas, o Goberno autonómico continúa avanzando nos seus plans para o apoio ao sector do libro e lectura e para a mellora do acceso á cultura por parte da cidadanía. Dá resposta, ademais, aos obxectivos do novo Plan Xeración Cultura 2023 que, cun investimento de 34M€, cunha batería de 57 accións, entre as que se inclúe a posta en marcha de seis novos plans sectoriais e dúas leis no eido da dixitalización e accesibilidade, así como medidas novidosas. É froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio, modernizar e acompañar o sector e renovar o impulso cultural de Galicia.