Nova: A Xunta amosa o patrimonio musical de Galicia arredor da Semana Santa no encontro de bandas e agrupacións ‘BSO23’
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
04/02/2023
A Xunta amosa o patrimonio musical de Galicia arredor da Semana Santa no encontro de bandas e agrupacións ‘BSO23’
Preto de 300 instrumentistas e seis bandas e agrupacións musicais das cidades de Viveiro e Ferrol participan hoxe en Compostela neste certame
O encontro ofrece aos músicos a oportunidade de compartir experiencias e completar a súa formación nas disciplinas de composición, instrumentación de vento e percusión
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2023.- Preto de 300 instrumentistas e seis bandas e agrupacións musicais das cidades de Viveiro e Ferrol participan hoxe en Santiago de Compostela no certame BSO23 – Banda Sonora Orixinal da Túa Paixón, un encontro destinado a pór en valor o patrimonio musical que temos en Galicia vencellado ás celebracións da Semana Santa.
Todos eles comparten na Cidade da Cultura unha xornada de convivencia e intercambio de experiencias, ademais de ter a oportunidade de complementar a súa formación musical en tres disciplinas fundamentais nestas agrupacións: a composición, a instrumentación de vento e a percusión. Isto é posible da man de tres relatorios impartidos por especialistas de prestixio como o director musical da Banda Sinfónica de Triana, Manuel Alejandro González Cruz; o director da Escola Internacional de Corneta, Vicente Moreno, e o director de RedeGaita, Jhonathan Ferreira.
O prato forte do certame chega pola tarde coa Mostra de música confrade, coas actuacións da Banda Naval e a Banda Nosa Señora da Misericordia —ambas de Viveiro—, a Agrupación Musical do Santísimo Cristo da Boa Morte, a Banda Nosa Señora do Nordés, a Banda Ferrol da Confraría de Dores e a Agrupación Musical Nosa Señora do Carme —todas de Ferrol—.
No encontro entréganse, ademais, catro mencións de honra a Víctor Costa, presidente e fundador da Banda Naval de Viveiro; Iago Vázquez, director musical da AM Nosa Señora do Carme de Ferrol; Jhonathan Ferreira, director de RedeGaita, e Jacobo Otero, instrumentista compostelán que tocou en bandas de Santiago, Viveiro e Ferrol. O acto conta coa participación da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
A banda sonora da Semana Santa galega
En Galicia cóntanse arredor dunha vintena de bandas de música de Semana Santa, que se concentran fundamentalmente en Ferrol, Viveiro, Santiago e Pontevedra. Con todo, o número de formacións musicais que participan en Galicia en actos vencellados a eventos desta celebración relixiosa é aínda maior, pois moitas das bandas están integradas por confrades e teñen un carácter amador.
Ademais, súmase a participación das bandas de gaitas —que en Galicia xogan un papel esencial na interpretación de marchas procesionais— e as bandas de música populares —imprescindibles tamén no acompañamento das procesións—, polo que o número de músicos que participan nestas celebracións relixiosas configura un importante patrimonio da nosa cultura tradicional.