Nova: O festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxea a Rosalía de Castro ás dúas beiras do Miño

06/02/2023

O festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxea a Rosalía de Castro ás dúas beiras do Miño

O secretario xeral de Política Lingüística presenta a 9ª edición desta iniciativa que promoven Canto d'Aqui e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho

Celebrarase do 10 ao 25 de febreiro en Braga, Ponteareas e Santiago de Compostela con música, danza, teatro, cine, faladoiros, poesía, exposicións e visitas guiadas

Enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei Paz-Andrade

 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas.

 Así o explicou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa onde se deu a coñecer a programación deste certame cultural promovido polo grupo Canto d'Aqui e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio da Fundación Rosalía de Castro, do concello de Ponteareas e da Rede da GaliLusofonía, entre outras entidades. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saudou un ano máis a realización deste festival cultural “enmarcado nas accións de desenvolvemento da coñecida como Lei Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía coa que a Xunta promove as relacións cos países de fala portuguesa”. 

Canda Valentín García tamén participaron no acto Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade e Deportes de Ponteareas; Carlos Pazos e Alberto Paz, responsable e lector do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho; Gonzalo Constenla, representante da Rede da GaliLusofonía, e Jaime Torres, representante de Canto d'Aqui. 

15 días de programación cultural

Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor da data de nacemento e de pasamento de Rosalía de Castro e do cantautor portugués José Afonso (Zeca Afonso), respectivamente, estreitando os lazos que unen Portugal e Galicia e evidenciando as semellanzas entre as súas linguas e culturas. 

A programación, que reúne nomes soados como os de Iria Estévez, Pedro Jóia, Artur Caldeira, Quico Cadaval ou Augusto Canário, entre outros, abrirase este venres 10 de febreiro en Braga, que acollerá a maior parte das actividades ata o día 24, e desenvolverase paralelamente no concello de Ponteareas ata poñer o broche final en Santiago de Compostela co concerto Tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro, coa participación de Canto d´Aquí, Iria Estévez e Pedro Jóia, na Cidade da Cultura.

 

Comparte