Nova: As bibliotecas celebran o Día do Teatro con actividades para todos os públicos
27/03/2015
As bibliotecas celebran o Día do Teatro con actividades para todos os públicos
Lecturas dramatizadas, obradoiros, contacontos e proxeccións son algunhas das propostas para conmemorar esta data
Na Axenda de cultura.gal pódese consultar a completa programación escénica para a fin de semana, con ‘Xardín suspenso’ do CDG e as funcións das redes da Agadic
Santiago, 27 de marzo de 2015.- As bibliotecas centrais territoriais, xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebran o Día Internacional do Teatro, que se conmemora cada ano o 27 de marzo, cunha completa programación de actividades para todos os públicos, na que se inclúen lecturas dramatizadas, diversos obradoiros, proxeccións audiovisuais, contacontos música e mais exposicións bibliográficas nas catro provincias galegas.
A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, propón para esta tarde, ás 17:30 horas, unha lectura dramatizada dun texto infantil. Os nenos e nenas entre 6 e 12 anos terán ocasión de descubrir a singularidade das obras teatrais a partir da peza coral ‘O tesouro de Mesié’, de Charo Santamariña. Para iso, o obradoiro incorporará unha primeira parte para a realización de traballos corporais de coordinación e psicomotricidade, a través de diferentes xogos teatrais. A segunda parte é a de lectura, na que previamente se explicarán as características de cada personaxe e como debe ser interpretado.
Obradoiros e audiovisual na Ánxel Casal
Tamén na capital de Galicia, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que celebra hoxe o sétimo aniversario da súa apertura, festexará o Día Internacional do Teatro con dous obradoiros de teatro infantil para nenos e nenas a partir de 6 anos, no marco do Programa de Voluntariado Cultural promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Xunto con estas dúas actividades, que comezarán ás 18:45 horas e ás 20 horas, previa inscrición, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal proxectará un audiovisual no que os máis pequenos amosarán o que representa para eles o teatro. Ademais, ata o próximo día 31 de marzo, a biblioteca compostelá albergará a exposición bibliográfica ‘Teatro e poesía infantil’.
Monicreques e música en Lugo
Os monicreques tampouco faltarán nesta celebración. A Biblioteca Pública de Lugo acolle ás 18 horas ‘As aventuras de Quebranoces’, un espectáculo a cargo da Asociación Musical Musicreques e dirixido ao público familiar con nenos e nenas desde os 3 anos. A partir da maxia da música e dos libros, os monicreques deste conto farán unha viaxe trepidante por todo o mundo. Coa interpretación en directo ao piano de ‘O Quebranoces’, de Tchaikovsky, os personaxes descubriranlles aos máis novos a beleza da amizade, da lectura e da música. A actividade será ás 18 horas.
Á mesma hora, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola propón ‘Soñadora de árbores’, con Raquel Queizás, para celebrar o Día do Teatro. Á protagonista deste contacontos, que sempre está na póla, encántalle escoitar contos e lendas sobre a natureza, porque sabe que as fragas, os ríos, os mares e os desertos están cheos de vida e de historias de diferentes culturas, como as que recolle este espectáculo que explora a relación das persoas coa natureza. Ademais, a biblioteca pontevedresa ofrécelles aos seus usuarios e usuarias un centro de interese cunha completa selección de obras teatrais.
Propostas para a lectura
A Biblioteca Pública de Ourense tamén convida os máis pequenos a se achegar ao mes da poesía e do teatro a través dun centro de interese na sala infantil realizado con fondos propios. Entre hoxe e mañá sábado, baixo o lema ‘Teatrízate’, o persoal da biblioteca tamén animará a levar en préstamo obras teatrais “agochadas” co obxectivo de difundir o seu fondo de teatro da biblioteca e promover a súa lectura.
As bibliotecas Miguel González Garcés da Coruña e a Juan Compañel de Vigo tamén se sumaron esta semana á celebración do Día Internacional do Teatro con obradoiros de escrita teatral e obras de teatro para grandes e pequenos.
A programación teatral, na axenda de cultura.gal
A celebración do Día Internacional do Teatro constitúe unha oportunidade para gozar da programación escénica que se vén programando en Galicia durante todo o ano. Desde hoxe e ata o domingo, o Centro Dramático Galego ofrecerá as últimas representacións no Salón Teatro de ‘Xardín suspenso’, a obra de Abel Neves dirixida por Cándido Pazó. Os horarios das funcións, xunto coa programacións das redes de distribución de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.