Nova: Julio Peláez obtén o II Premio Pegada de teatro radiofónico

27/03/2015

Julio Peláez obtén o II Premio Pegada de teatro radiofónico

Fíxoselle entrega do galardón no Día Mundial do Teatro e no transcurso do programa especial que Radio ECCA gravou na Escola Superior de Arte Dramática

A cunquiña é o título da peza gañadora, mentres que o texto Taxi Driver, presentado por Isabel González Súarez, mereceu un accésit
 

  • Cartel II Premio Pegada de Teatro Radiofónico Cartel II Presmio Pegada de Teatro Radiofónico

Vigo, 27 de marzo de 2015.- O autor Julio Peláez, coa obra A cunquiña, é o gañador do II Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico, convocado pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Radio ECCA. O galardón foille entregado hoxe en Vigo por Jacobo Sutil, director da Agadic, no transcurso dunha gravación especial do programa radiofónico ‘A pegada do eco’ con motivo da celebración do Día Mundial do Teatro e do décimo aniversario da ESAD.

Xunto co premio outorgado a Julio Peláez, titulado por este centro de ensinanza superior da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o xurado do Pegada de Teatro Radiofónico acordou recoñecer cun accesit o texto Taxi Driver, presentado por Isabel González Suárez, alumna de 1º de Interpretación da ESAD. Ambos recibiron diferentes lotes de libros de creación e investigación teatral procedentes do fondo bibliográfico da Agadic.

Na súa intervención en ‘A pegada do eco’, programa divulgativo de periodicidade mensual, o director da Axencia puxo en valor esta convocatoria, que botou a andar en 2014 como actividade docente para o alumnado do centro e este ano se abriu a todos os autores interesados co obxectivo de contribuír á recuperación da radio-teatro como xénero e, en consecuencia, fomentar a creación dramática en galego para este formato.

Media anual de 750 funcións
Jacobo Sutil referiuse tamén á conmemoración hoxe do Día Mundial do Teatro, destacando que a escena é un dos eixos estratéxicos no labor que a Axencia desenvolve no ámbito das industrias culturais galegas. Neste sentido, lembrou que xunto coa convocatoria anual de subvencións á produción e distribución de montaxes teatrais, a Agadic vén promovendo unha media anual dunhas 750 funcións teatrais tanto a través da actividade do Centro Dramático Galego e do compostelán Salón Teatro, como dos circuítos de distribución de espectáculos escénicos e musicais que xestiona xunto con entidades públicas e privadas de toda Galicia: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e programa Cultura no Camiño.

Subliñou, así mesmo, o impacto positivo que para o teatro galego está a ter a progresiva incorporación das novas xeracións artísticas formadas na ESAD durante a súa década de traxectoria. Nesta mesma liña expresáronse tamén o resto dos convidados ao programa, no que interviñeron o director do centro, Manuel Vieites, as profesoras Mariana Carballal e Inma López Silva e o crítico teatral Manuel Xestoso, así como profesionais da escena galega que foron alumnos da ESAD, como Ana Carreira, Diego Valeiras, Tito Asorey e Machi Salgado. Precisamente estes dous últimos recibiron onte os galardóns á mellor dirección e á mellor interpretación masculina, respectivamente, na gala dos XIX Premios María Casares de Teatro.

A gravación deste programa especial, amenizada con música en directo a cargo dos propios alumnos, rematou coa lectura dramatizada dun fragmento do texto gañador desta segunda edición do Premio Pegada, que o ano pasado recaeu en Ernesto Suárez Is, coa peza Do material do que están feitos os soños.

Comparte