Nova: Tres décadas de vida de Santiago, nunha mostra fotográfica no Museo das Peregrinacións

27/03/2015

Tres décadas de vida de Santiago, nunha mostra fotográfica no Museo das Peregrinacións

O recoñecido autor compostelán José Guitián, que deu os seus primeiros pasos con Ksado, amosa nas súas imaxes a esencia da capital de Galicia

Con esta exposición recupérase un apartado importante da historia de Compostela e un valioso patrimonio artístico

  • Exposición ‘José Guitán. Fotógrafo en Compostela (1950-1980)’ Exposición ‘José Guitán. Fotógrafo en Compostela (1950-1980)’

Santiago, 27 de marzo de 2015.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago, da Consellería de Cultura e Educación, inaugurou esta tarde a exposición ‘José Guitán. Fotógrafo en Compostela (1950-1980)’, unha escolma de imaxes coas que o recoñecido artista realiza un percorrido pola historia recente da capital de Galicia.

A mostra recolle unha ampla selección do traballo do fotógrafo compostelán, que dedicou unha parte importante da súa vida a esta profesión, documentando a través do obxectivo da súa cámara aspectos diversos da cidade e das súas xentes.

“Lugares como a Quintana, Praterías, Xelmírez, Cervantes ou a rúa do Vilar, retratados polo ollo de José Guitián, son testemuña de que Santiago de Compostela é unha cidade inconmensurable na súa expresión artística”, afirmou durante o acto de inauguración da mostra o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen gabou a capacidade do fotógrafo para “amosar a alma de Compostela e as súas xentes”.

O secretario xeral tamén recordou que poucas cidades foron e son tan fotografadas como Santiago de Compostela, “unha cidade pioneira no cultivo dun xénero artístico como a fotografía”. Un dos precursores no século XIX foi o compostelán Andrés Cisneros e, xa no século XX Luis Ksado, co estudio fotográfico máis importante e innovador de Compostela a mediados do século pasado, onde Guitián deu os seus primeiros pasos.

Un legado cultural e histórico
Finalmente, Anxo Lorenzo agradeceulle ao fotógrafo este “agasallo documental e artístico, con imaxes tan significativas como emblemáticas da súa traxectoria, que xa queda integrado dentro do noso legado cultural e histórico”.

José Guitián Seijo (Cuba, 1925) é un dos grandes vellos fotógrafos de Santiago de Compostela aínda vivos. As súas fotografías, obtidas ao longo de máis de sete décadas, son hoxe verdadeiras iconas e documentos utilísimos para poder interpretar a evolución histórica da urbe compostelá. As prazas, os arredores, as rúas, as casas e os habitantes da capital de Galicia foron recollidos por José Guitián e hoxe forman un conxunto numerosísimo de imaxes altamente significativas.

Agora, a selección de fotografías que conforman esta exposición serve para facer un percorrido no tempo e no espazo, e poder dar a coñecer un patrimonio descoñecido na súa case totalidade.

A súa obra fotográfica constitúe un documento importante para poder escribir a historia cotiá e afectiva do último medio século de vida de Compostela. A exposición do museo supón un achegamento a ese traballo, no que se reflicten os cambios na cidade, o progreso, a deterioración e tamén as xentes, como é o caso das Marías. Na exposición inclúese a fotografía máis universal desta popular parella compostelá, realizada polo fotógrafo en 1961 para a revista ‘Vogue’.

Programación expositiva máis recente
En 2014, do 11 de abril ao 16 de xuño, o Museo das Peregrinacións e de Santiago tamén acolleu a exposición fotográfica ‘Il Camino dei Francesco’, con 50 imaxes captadas polo prestixioso fotógrafo estadounidense Steve McCurry seguindo o itinerario do camiño de Francisco en Italia. A ex¬posición fotográfica, promovida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en cola¬boración co Concello de Rieti (Lazio, Italia), enmarcouse na conmemoración do 800 aniversario da peregrinación de san Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

No segundo semestre do pasado ano, do 16 de xullo ao 31 de decembro, o museo difundiu a mostra ‘Iconas rusas. Presentación dunha colección’, conformada por 35 pezas, case todas elas iconas da escola rusa de tipoloxías e cronoloxías diversas, entre o século XV e o XX, procedentes dunha colección privada cedida á Xunta de Galicia.

A peregrinación como fenómeno universal, o nacemento e a evolución de Com¬postela en canto meta de peregrinación e a peregrinación xacobea en todas as súas dimensións son os principais focos de interese do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que ten a súa sede na Casa Gótica, na zona vella compostelá.

Comparte