Nova: Nexos convida a descubrir no Gaiás o proceso creativo dos arquitectos
29/03/2015
Nexos convida a descubrir no Gaiás o proceso creativo dos arquitectos
Da man de Manuel Gallego Jorreto e Xerardo Estévez, con asistencia de balde, tras reservar praza en www.cidadedacultura.gal
Estrearase unha videocreación titulada “Imaxinarios sonoros de Compostela”, ideada expresamente para este ciclo cos músicos Nacho Muñoz e Mig Seoane
Santiago, 29 de marzo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida aos amantes da arquitectura a descubrir os procesos creativos desta profesión da man de Manuel Gallego Jorreto e Xerardo Estévez, que o sábado 18 de abril participarán na Cidade da Cultura no ciclo ‘Nexos’ nunha sesión que leva por título ‘As cidades imaxinadas’.
A terceira edición de ‘Nexos’, o ciclo de cultura contemporánea do Gaiás que comezou o pasado sábado cunha xornada dedicada ao pensamento da filósofa María Zambrano, centrarase desta volta en espir a intimidade dos arquitectos, os seus anhelos e obsesións, o equilibrio entre as capacidades técnicas e a expresión da súa visión persoal.
Este diálogo terá como protagonistas a Manuel Gallego Jorreto e Xerado Estévez, dúas referencias na arquitectura contemporánea. Gallego Jorreto foi Premio Nacional de Arquitectura no 2010 e recibiu a Medalla de Ouro da Arquitectura pola súa traxectoria profesional. Foi profesor de Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Discípulo de Alejando de la Sota, a súa obra é un referente da arquitectura racional na península. Xerando Estévez é arquitecto e urbanista. Foi alcalde de Santiago de Compostela durante catro lexislaturas e, baixo o seu mandato, a cidade foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco e co Premio Europeo de Urbanismo.
Estrea dunha videocreación
Nesa sesión estrearase unha videocreación titulada ‘Imaxinarios sonoros de Compostela’, ideada expresamente para ‘Nexos’, onde os músicos Nacho Muñoz e Mig Seoane realizan unha serie de microperformances no espazo público, utilizando as rúas de Compostela e o Gaiás coma un xigantesco instrumento musical. Os interesados en participar poden reservar a súa praza, de balde, na web www.cidadedacultura.gal
Como é habitual no ciclo ‘Nexos’, organizarase tamén un ‘Nexos infantil’, onde os nenos –de 5 a 12 anos- poderán achegarse ao mundo de arquitectura a través de xogos didácticos.
Como o resto do programa cultural da Cidade da Cultura, ‘Nexos’ está patrocinado polas empresas integradas no padroado da Fundación privada Gaiás. Ademais, esta edición conta coa colaboración da Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, de Martín Códax e de Pan do Mar.
Na súa edición de 2015, ademais da sesión dedicada a María Zambrano e a centrada na arquitectura, ‘Nexos’ abordará tamén o mundo da arte contemporánea, cunha sesión o 9 de maio titulada ‘Esplendor e farsa da arte contemporánea’, e na relación entre gastronomía e literatura cun sesión de peche de ciclo que leva por nome ‘O deleite da palabra. Larpeiradas dos literatos’, na que está prevista a asistencia de Donna Leon.