Nova: A inclusión social protagoniza a carteleira da semana no Salón Teatro cos espectáculos Camaleoa e Soños e un concerto pola saúde mental

21/02/2023

A inclusión social protagoniza a carteleira da semana no Salón Teatro cos espectáculos Camaleoa e Soños e un concerto pola saúde mental

A montaxe coa que a artista portuguesa Rita Pinheiro lles dá voz ás persoas que exercen a prostitución pode verse este xoves día 23 na sede do Centro Dramático Galego en Santiago dentro do ciclo ‘Quintas do Camões’

O venres 24 estréase neste mesmo espazo ‘Soños’, unha coprodución da ONG Igaxes con Artefeito e Culturactiva que busca rachar prexuízos sobre a mocidade tutelada

O sábado 25 terá lugar un evento multidisciplinar a favor da federación Saúde Mental FEAFES Galicia coa actuación do grupo Fear of Missing Out, a proxección de obras de Carlos Asorey e unha charla coa psicóloga Rebeca Calvo Barros

A compañía teatral da Xunta entra na terceira semana de representacións de ‘Shakespeare en Roma’ no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, onde permanecerá ata o 2 de abril

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023 A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela continúa coa súa actividade ao tempo que a compañía da Xunta de Galicia entra na terceira semana de representacións da súa produción propia Shakespeare en Roma, ata o 2 de abril no Salón Nobre do Pazo de Fonseca.

Así, o espazo do número 34 da rúa Nova dedica a carteleira dos vindeiros días a tres propostas a prol da inclusión e a concienciación social cos espectáculos teatrais Camaleoa. Do corpo ao manifesto o xoves 23 e Soños o venres 24, así como do evento multidisciplinar a prol da saúde mental organizado polo grupo musical Fear of Missing Out o sábado 25. As tres citas están programadas para as 20,00 h.

Viaxe poética para a reflexión

Camaleoa é un monólogo da artista portuguesa Rita Pinheiro, que se presenta en Santiago este xoves no marco do ciclo Quinta do Camões, que organizan conxuntamente o Centro Dramático Galego e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. A proposta xorde a partir de testemuñas de persoas que viven á marxe exercendo a prostitución, para reflexionar a modo de viaxe poética sobre os parámetros da dignidade e as crenzas preestablecidas na sociedade.

Rita Pinheiro asina a autoría e a interpretación deste espectáculo, para o que contou cos vídeos experimentais de João Aires e a música orixinal Frederico Botelho e João Reis. As entradas para asistir á súa representación no Salón Teatro están xa á venda en  Ataquilla e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da función.

Venres de estrea

O venres será a quenda para a estrea de Soños, unha coprodución da ONG Igaxes con Artefeito e Culturactiva para poñer o foco sobre os prexuízos sociais arredor da mocidade que vive en pisos tutelados, coincidindo ademais co 25º aniversario do Programa Mentor.

Escrito por Fernando Epelde e dirixido por Tamara Canosa a partir de conversas con educadores sociais e mozos tutelados, neste espectáculo Anxo Outumuro e Sara Ferro danlles vida a dous destes rapaces, acompañados en escena pola súa educadora, interpretada por Victoria Pérez. Durante a representación, abriranlle ao público tanto as portas da súa vivenda tutelada como dos seus soños, contrapoñéndoos ao do resto dos adolescentes.

A función de Soños no Salón Teatro, de entrada por convite, marcará o inicio do percorrido desta montaxe por Galicia, con especial atención ao público mozo que está a estudar ESO e Bacharelato.

Concerto de Fear of Missing Out

O sábado 25 o grupo de metal progresivo Fear of Missing Out, con Carlos Morales á fronte, organiza un evento multidisciplinar que combina música, arte e divulgación co obxectivo de lles dar visibilidade aos problemas de saúde mental.

Nel amosaranse as obras do ilustrador e escultor compostelán Carlos Asorey e levarase a cabo unha charla sobre a realidade da saúde mental antes e despois da pandemia, conducida pola psicóloga Rebeca Calvo Barros, de Mentiness. Pechará a sesión o concerto no que Fear of Missing Out interpretará os temas do seu disco Disorders, con letras escritas por persoas que padecen trastornos mentais.

As entradas para este evento están xa dispoñibles na plataforma Entradium e tamén poderán retirarse o mesmo sábado no despacho de billetes, desde dúas horas antes do inicio. A achega económica é libre e integramente a favor da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEFAES) de Galicia.

 

Comparte